Xabier Pazos, presidente da Asociación de Troiteiros de Melide

“A xente utiliza o río como un vertedoiro”

Xabier Pazos é o presidente da Asociación de Troiteiros de Melide. Esta fin de semana tomou parte na IX Limpeza Simultánea de Ríos, unha iniciativa impulsada por Adega. A Asociación de Troiteiros conta con experiencia na limpeza dos ríos, pois organiza desde hai once anos a recollida de refugallos no río Furelos.

Como foron as tarefas de limpeza do río desta fin de semana?

Ao abeiro da iniciativa de Adega, limpamos o río Catasol, en todo o tramo que vai dos pasos do Barreiro até a ponte do Barreiro, un tramo polo que discorre o Camiño de Santiago. Previamente, no mes de setembro e como cada ano, limpamos o río Furelos.

Canto lixo puideron sacar?

Na limpeza do Catasol participamos seis persoas e sacamos uns 100 kg de lixo: plásticos, botellas de cristal, roupa... E tamén unha moto. Todos os anos levamos algunha sorpresa, porque chegamos a atopar até un coche e bicicletas. Nas xornadas de limpeza do Furelos que organizamos desde a asociación participamos arredor de trinta persoas, aínda que este ano fomos 75, e sacamos arredor de 600 kg de lixo.

Cal é o estado en que se atopan os ríos?

Malo, porque teñen moitos refugallos e non están coidados. A xente utiliza o río como un vertedoiro e  tira de todo, desde coches, como che dicía, até neveiras.

Supoño que tanto lixo afectará ás troitas.

Por suposto que si. Os ríos teñen o mesmo problema que o mar. O plástico vai desfacéndose e todos eses produtos químicos acaban en nós. Non hai depuradora que limpe todas as substancias que emite o plástico. Ademais, os plásticos colmatan as zonas de cría da troita e cando as troitas depositan os ovos en zonas de plástico calquera riada leva todo por diante e non deixa ovo ningún. Por outra banda, as troitas pensan que o resto dos plásticos é comida, inxírenos e acaban morrendo de tan debilitadas que quedan.

Para que serven xornadas como a impulsada por Adega ou a organizada pola vosa asociación?

Para ir concienciando, sobre todo os máis novos, e para que a xente se dea conta do que hai. Moitas veces, até que non lles amosas as fotos, non cren o que do río se saca e é entón cando botan as mans á cabeza. Todos os anos a asociación organiza unha actividade no colexio de Melide para lles amosar aos rapaces e rapazas vídeos con todo o lixo que extraemos do río e alucinan.

A que se debe a existencia de tanto lixo nos ríos?

É un problema de falta de concienciación ambiental. Ademais, estamos nun país onde hai xente está interesada en facer mal. É unha minoría, mais disfruta facendo mal e non aprecia o que temos. O mesmo acontece cos montes... e así despois arden. Por calquera pista que pasas, ves plásticos, roupa tirada... É unha vergoña.

Como rematar co problema?

Rematar? É difícil... Concienciar moito a xente, empezando polos nenos máis pequenos e a base de tempo, diñeiro e paciencia poderá mellorar o estado dos ríos. A día de hoxe se non é polas asociacións que se involucran na limpeza dos ríos e dos montes... As Administracións, sobre todo a Xunta, non demostran interese ningún en querer arranxar o problema. Quizais houber que poñer máis vixilancia e sancións. Á xente dóelle cando lle van ao peto.