"A xente está a ir a Portugal para mercar vacinas"

Patricia é a nai dun neno ao que a Seguridade Social lle denegou o acceso á vacina da meninxite B malia contar cun informe médico que a solicitaba.

 

Para garantir a protección do seu fillo, cun sistema inmunolóxico deficitario e varias neumonías nos últimos meses, Patricia viaxou a Portugal logo de que a vacina fose retirada do mercado no conxunto do Estado español e só se aprobe para grupos considerados de risco --persoas sen bazo ou profesionais que manipulen a bacteria. "Sentiríame impotente se non tiver os cartos para pagar isto", afirma Patricia en conversa con Sermos Galiza indignada pola política sanitaria que está a deixar persoas sen recursos sen atención sanitaria. 

Que aconteceu co teu fillo?
O meu fillo ten Síndrome de Down. O seu sistema inmunolóxico é máis feble que o do resto. Nos últimos dous meses tivo 5 neumonías. A última vez tíñaa nos dous pulmóns e un derrame pleural. Cando lle deron a alta o pedriatra aconselloume que o vacinase contra a meninxite B. Dixo que dados os seus antecedentes podía solicitala pois era probábel que a concedesen. Porén, após ir ao pedriatra de cabeceira e chamar á Seguridade Social dixéronnos que non porque non era un grupo de risco, que a vacina só a concedían para persoas sen bazo ou aquelas que manipulasen bacterias.

 "A xente está a facer viaxes a Portugal, mesmo en grupos, para mercar a vacina"

Dirixinme á residencia e falei con dous especialistas. Fixeron un informe e sinalaron que nunca lles denegaran unha. Ás dúas semanas dixeron que non a concedían, era a primeira vez que lles pasaba. 

Cal foi a túa reacción?
Agarrei un cabreo terríbel. A administración di que non é un caso importante por ter Síndrome de Down mais non é esa a razón da solicitude senón os seus antecedentes e o seu sistema inmunolóxico que é deficitario. Fun á privada e receitáronnos a vacina mais pedíronme que a levase eu que na clínica non a teñen porque foi retirada do mercado. A xente está a ir a Portugal por ela pois alí véndese nas farmacias. 

Que fixéstedes?
Falámolo na casa e decidimos que por riba de todo estaba a saúde do meu fillo. Metinme en Internet e procurei unha farmacia na fronteira. En Valença. Chamei para reservala e dixéronme que non facía falla receita e que tiña que levar o diñeiro en efectivo porque tiñan o computador estropeado.

Canto custa?
Custa 95 euros cada dose. Precisabamos dúas. En total 190€. Levei unha neveira desas que se enchufan no maleteiro para non rachar o ciclo de frío da vacina e volvín para Galiza. Levei o fillo de novo á clínica privada e puxéronlla. Iso custa 30 euros. En total foron arredor de 400€ entre a viaxe e os custes mais agora o meu fillo está vacinado e protexido. 

"Non sei onde imos chegar cos recortes"

Que sentiches?
Síntome cabreada e sentiríame impotente se non tiver os cartos para pagar isto. Non pagamos todos a sanidade pública, por que teño que gastar 400 euros cando teño un informe médico, asinado por dous profesionais, no que se recomenda a vacinación do meu fillo? Por que non se comercializa nas farmacias? A xente está a facer viaxes a Portugal, mesmo en grupos, para mercar a vacina. 

Semella contrabando... 
Eu non. Non trafiquei con ela, eran dúas doses as que precisaba mais sei que algunhas farmacias a adquiren en Portugal e logo a revenden aquí. Que se está a facer un mercado negro de medicamentos? Non sei onde imos chegar cos recortes. Eu tiven que mercala porque o meu fillo a necesita, non foi un capricho. Mais, se non aquí non a dan será porque non queren gastar ou por cabezonaría de quen decide. 

No número 145 do semanario en papel publicamos unha reportaxe sobre a retirada da vacina de meninxite B embora ter sido aprobado o seu suministro o pasado ano polo Ministerio de Sanidade español. Podes adquirilo na nosa loxa.