Vigo maniféstase contra a privatización do novo hospital

[Imaxe: Eva Lema] Manifestación en Vigo

“Non queremos un hospital privado”, baixo este berro percorreron as rúas Vigo entre 4.000 e 5.000 persoas –segundo datos da organización- na mobilización convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi.

Entre 4.000 e 5.000 persoas, segundo a organización, participaron na mañá do domingo na manifestación convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi contra o modelo privatizado do novo hospital de Vigo, dados os recortes en material e en servizos que sofren as persoas usuarias.

A Xunta de Persoal rexeita o modelo sanitario do novo hospital e reivindica un centro “cento por cento público”. Segundo recolle Europa Press, o portavoz de SOS Sanidade Pública de Vigo e membro da Xunta de Persoal pola CIG, Manuel González, sinalou que “as cousas que están pasando nos últimos meses responden a que a empresa concesionaria busca o beneficio propio”.

Ademais, Manuel González denunciou que o hospital careza de laboratorio central, “isto provoca que as analíticas de resposta rápida non se dan feito e que, polo tanto, xa non haxa unha resposta inmediata”. Ademais, critica que Microbioloxía non estea illada do resto de laboratorios, “co que hai un risco de poder sufrir contaminacións”.

Os sindicatos denuncian que as políticas aplicadas polo novo conselleiro de Sanidade "son as mesmas" e "non van solucionar nada"

En relación ao novo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, afirmou que, aínda que a Xunta de Persoal detectou un “cambio de talante”, as políticas aplicadas “son as mesmas” e “non van solucionar nada”.

Na mobilización participaron sindicatos como CCOO e a CIG e representantes políticos, entre os que se atopaba a cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega, Carme Adán.