O xadrez na escola, unha materia pendente

Imaxe dun campionato feminino de xadrez a nivel español

Segundo a Xunta, máis de 60 centros imparten xadrez como materia de libre configuración. A realidade é que a cifra non chega a 50 e que os cursos de formación de profesorado están paralizados.
 

O pasado 15 de novembro, o PSdeG apresentou ante a Mesa do Parlamento galego unha pregunta para a súa resposta oral na 4ª comisión de Educación e Cultura. Julio Torrado, xogador profesional de xadrez e deputado socialista, instou a Xunta a intensificar a inclusión da materia de xadrez nas aulas.

 

A materia de xadrez está incluída no plano de estudos galego dende 2015, como de libre configuración para os centros. Isto é, que quen se vexa con recursos para impartila pode ofertala.

 

Estamos convencidos de que se pode apostar e se pode incorporar ao sistema pero para iso hai que dotar os centros duns medios

 

Manuel Corredoira, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, contestou daquela que “máis de 60 centros en toda Galiza están a impartir xadrez este curso”.

 

Segundo a listaxe oficial, facilitada ao Sermos Galiza pola Consellaría de Educación, o número total é de 49. Algúns centros veñen repetidos, ao impartiren a materia en primeiro e segundo da ESO.

 

Para Julio Torrado, esta escasa implantación débese ao “pequeno nivel de formación do profesorado”. O deputado socialista conta a Sermos Galiza que “nós recoñecemos que no primeiro momento se fixo un bon labor, pero que se deixou aí. Fíxose toda a parte legal, pero falta a continuidade. Estamos convencidos de que se pode apostar e se pode incorporar ao sistema pero para iso hai que dotar os centros duns medios”.

 

No IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín levan dando xadrez doce anos, incorporándoo ao currículo académico de diversos modos antes de que fose materia oficial. A casualidade quixo que un xadrecista profesional, árbitro e monitor de xadrez, rematase de profesor de filosofía nun centro no que xa impartiran algúns cursos como actividade extraescolar.

 

Así, coa axuda e disposición do centro e o equipo directivo comezou a impartir xadrez nas horas de atención educativa, materia alternativa a relixión na que non está permitido dar contidos. Daquela, facíao en cuarto da ESO. Mais logo se decataron da outra vía indirecta, que era Proxecto Interdisciplinar, unha materia que se impartía en 1º da ESO e hoxe en día extinta.

 

Cando no 2015 o Parlamento decidiu aprobar a inclusión da materia como de libre configuración para colexios e institutos, o centro lalinense sumouse de inmediato, ofertándoa como obrigatoria en 1º da ESO. Cada ano contan cunhas 80 alumnas e alumnos matriculados.

 

“A vantaxe de ser en primeiro é que o alumnado posterior sabe xogar a xadrez. De feito estamos organizando como actividade indirecta no centro un torneo que se está disputando para alumnado doutros cursos e ten moita aceptación. Os nenos, en contra do que cabería esperar, son verdadeiros apaixonados do xadrez. Veñen pedir taboleiros en horas de titoría ou de garda. Nos recreos van xogar cos ordenadores na biblioteca ou xogan entre eles partidas tamén”, contan desde o centro a Sermos Galiza.

 

Isto reflíctese nas aulas, din. “Mellora a súa capacidade de concentración, a súa valoración xerárquica, a toma de decisións, a capacidade reaccional, a creatividade… Os beneficios son incontábeis”

 

No entanto, que pasa se non hai profesorado especializado nesta materia? Tal e como está planeada agora mesmo, a opción de incluír funcionariado específico semella pouco realista. Con só unha hora á semana nun ou, como moito, dous cursos esta alternativa non é viábel. Mais para formar profesorado existente na iniciación ao xadrez é preciso que se volvan ofertar cursos.

 

"Os nenos veñen pedir taboleiros en horas de titoría ou de garda. Nos recreos van xogar cos ordenadores na biblioteca ou xogan entre eles partidas tamén"

 

Dan Cruz e Pablo Castro foron algún dos xadrecistas que impartiron ese curso no seu día. Hai ano e medio e tres anos respectivamente. Os cursos eran puntuais, en colaboración ca Federación Galega. A súa duración total era de 20 horas repartidas en cinco xornadas. Para Cruz, o problema era que soamente había un curso “no que o alumnado era moi heteroxéneo, dende profesorado que era o seu primeiro contacto ata xente que xa tiña algunha experiencia previa”. Porén, Castro engade que se centraba sobre todo na metodoloxía. “Non se miraba tanto o nivel, o importante era se ía dirixido a primaria ou a secundaria”, di a Sermos Galiza.

 

Actualmente, xa non se imparte ningún curso presencial. Existe unha plataforma online de formación ao profesorado, mais os recursos son escasos.