Xacementos arqueolóxicos en perigo por erros na súa xeolocalización

Afírmano Adega e Mariña Patrimonio, que veñen de pedir á Xunta que corrixa os fallos.


 

Información errada da xeolocalización de bens do patrimonio galego poñen estes en perigo. Denúnciano desde Adega e Mariña Patrimonio. No pasado mes de abril, lembran, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, en colaboración coa Consellaría de Medio Rural e a Consellaría de Cultura e Turismo, actualizaba o visor de aproveitamentos forestais da Xunta.

Un dos principais obxectivos desta tarefa, que implicou un investimento de 1.100.000 euros, era o de actualizar a información xeográfica relativa ao Patrimonio Cultural de Galiza. Tratábase de revisar e mellorar a xeolocalización e delimitación dos BIC e doutros elementos do inventario do patrimonio cultural, como castros, mámoas ou petróglifos, para poñela a disposición de calquera usuario a través do visor xeográfico da Xunta na rede.

A información contida neste visor ten carácter oficial, indican ambas as dúas entidades, “polo que unha correcta actualización da mesma facilitaría aos propietarios forestais a consulta sobre a existencia de elementos patrimoniais naqueles predios nos que se dispoña a realizar algún labor forestal, así como os trámites de autorización”.

Porén, Adega e Mariña Patrimonio afirman que detectaron que os límites marcados “dun considerábel número de xacementos arqueolóxicos non se corresponden cos seus límites xeográficos reais, poñendo en risco esas zonas arqueolóxicas que deberan estar protexidas”.

Recoñecen que os erros non son xeralizados mais mostran a súa preocupación polo feito de que “afectan unha considerábel parte do territorio galego e resulta especialmente rechamante que os límites de xacementos situados en concellos onde está aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal non coincidan coa delimitación contemplada no catálogo de xacementos delimitados dos PXOM”.

Exemplo de Ribadeo

Como exemplo ilustrativo poñen Ribadeo, onde, dos oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no visor.

Adega e Mariña Patrimonio veñen de solicitar á Consellaría de Medio Ambiente que retire de toda circulación pública, tamén do visor de aproveitamentos forestais da Xunta, que retire a información do visor e proceda a reparar “os erros de delimitación e xeolocalización atopados”.

Así mesmo, requiren á Consellaría de Medio Rural que non outorgue “autorizacións para cortas ou plantacións forestais naqueles predios nos que non  estea garantida a protección e a correcta delimitación de xacementos e doutros elementos patrimoniais”.

“Podería darse o paradoxo de que os propietarios de monte que consulten o visor de aproveitamentos forestais da Xunta para determinar a presenza dalgún xacemento arqueolóxico nas súas fincas acaben sendo sancionados por infraccións en materia de protección patrimonial ao afectar algún xacemento mal delimitado pola Xunta”