Xabier Seixo, a bandeira de Nunca Máis no Luar: "O máis importante era denunciar a falta de transparencia"

Xabier Seixo
Cooperativista en Vedra cando afundiu o Prestige, participou na Plataforma Nunca Máis na protesta contra a incompetencia do goberno. Tivo a idea e foi unha das persoas que subiu en directo ao programa Luar para protestar contra a censura nos medios de comunicación que había eses días en Galiza.

 

Como foron eses primeiros días despois do afundimento do Prestige?

Uf, lembro por exemplo algunha reunión en Compostela días despois e o nacemento de Nunca Máis. As manifestacións...

Entrar en directo no programa 'Luar' foi unha acción espontánea?

A idea foi miña e logo pasou a Nunca Máis. Mantívose en secreto. Analizamos que programas eran en directo e só estaba o Luar e os informativos. Decidimos ir ao programa de Gayoso e conseguimos unhas entradas como público.

"Analizamos que programas eran en directo e só estaba o Luar e os informativos"

Como foi aquela noite?

Aguantamos a que fora 'prime time'. Había xente que controlaba sobre temas de horario. Cando decidimos subir o rexedor conseguiu parar a varias persoas. Ao final conseguín pasar eu e unha compañeira da Asociación en Defensa da Ría. E Gayoso moitas táboas. Nótase que estaba acostumado a tratar co público.

Cal foi a resposta do público na mesma sala onde se emitía 'Luar'?

A xente non se molestou. Tampouco houbo represalias por parte da produtora do programa. Mesmo despois entre veciños e veciñas meus, votantes do PP, a resposta foi positiva.

Pensa que tivo repercusión esa acción?

A min esas cousas... Non me paro a analizar. Aínda que non existían as redes sociais, sei que tivo repercusión nas listaxes de correo. Non estabamos preocupados por esa cuestión. Había que rachar co cerco. Supoño que si. O máis importante era denunciar a falta de transparencia na comunicación e o partidismo que se facía nos medios de comunicación sobre esta situación.

Que quedou desa protesta?

En dez anos tiven tempo de pensar moito. A protesta calou na xente. A xestión política foi a compra de vontades, como no caso dalgunhas confrarías que recibiron cartos sen ter case actividade. Houbo unha desilusión porque a administración non sufriu, o PP fixo dunha derrota unha vitoria. Penso que houbo un 'reset' social e se cadra terá que vir outro Prestige para lembrarnos. Eu mesmo crieime na Ría de Betanzos e vexo como agora as ameixas teñen que pasar por fábrica porque as rías seguen estando mal ou peor: hai presión urbanística, legalízanse as obras a pé do mar,...