O Apalpador da ilustración salta ao vídeo

Canta co Apalpador. Agasalla un diario en galego!

Non hai moitos anos, coincidindo co día de San Silvestre, nas aldeas do Courel preparábanse para a visita do Apalpador. Viña sempre tras a celebración familiar da Noite Vella. As nenas e os nenos marchaban axiña para a cama e cando aínda non lles dera tempo a prender no sono, baixaba o carboeiro da devesa para apalparlles a barriga, deixarlles unha presa de castañas e desexarlles un ano novo cheo de fartura. Desde antigo, o rito facíase cadrar co solsticio de inverno. Hoxe perdura como expresión cultural propia. O Apalpador de Leandro Lamas que ilustra esta reportaxe no semanario salta ao vídeo! VÍDEO NO INTERIOR.

Até hai pouco máis dunha década era unha figura inédita para a maioría, celebrada tan só nunhas poucas aldeas de montaña de Lugo e Ourense. Neste tempo aprendémoslle o nome e mesmo lle puxemos cara, pero non hai documentación que nos mostre como se desenvolveu no pasado o rito do Apalpador nin como foi evolucionando no tempo, “cousa que tampouco importa moito, o esencial aquí é o mito, o rito, como tal, que xa apenas se celebra”. José André Lôpez Gonçâlez (Os Vilares, Guitiriz, 1955) ten a honra de ser o primeiro investigador do xigante do Courel e o responsábel de que hoxe, en moitas vilas e cidades galegas, nos esteamos preparando para recibir o Apalpador.

 

Se este personaxe mítico chegou até o século XXI como unha tradición propia do noso Nadal foi grazas ao ensaísta e poeta da Terra Chá, residente en Madrid desde hai dúas décadas. De feito, o xermolo da recuperación desta figura comezou cunha encarga que lle fixo a Asociación Galega Corredor de Henares.

 

“Pedíronme que escribise algo sobre o Nadal na Galiza e decidín facelo desde a mágoa que me producía ver esmorecer o mundo rural. Se eu non contaba o pouco que sabía do Apalpador, acabaría morrendo sen que ninguén tivese noticia del nin do ritual que aquí se celebraba, especialmente nas zonas de montaña. A reivindicación do rural foi o que me animou a escribir sobre o mito e o personaxe”, un relato que máis tarde se reproduciu no Portal Galego da Língua.

 

Foi o único traballo de pescuda que levou a cabo, xa que despois daquela primeira achega non volveu indagar máis sobre o carboeiro do Courel. “Non hai datos dos que botar man máis aló das cantigas que lle dedicaban os vellos ao Apalpador e da memoria dos novos que viviron o rito. Os vellos xa morreron, e con eles, unha enciclopedia de saber”.

 

O Apalpador de Romeor do Courel

 

As primeiras notas do autor sobre esta figura son do ano 2001 pero non foi até o 31 de decembro de 2006 que o investigador chairego publicou un artigo titulado O Apalpador: personagem mítico do Natal galego a resgate. Non imaxinaba, daquela, o rebumbio que se ía formar arredor del nin o alcance que había ter, cos anos, este personaxe chamado a se converter nun referente imprescindíbel para a infancia e na máxima expresión cultural do Nadal galego, unha figura universal da que oíu falar por primeira vez na terra natal da súa muller.

 

Lôpez Gonçâlez bateu por sorpresa co Apalpador na casa de Galego, na aldea de Romeor do Courel. “Foi hai ben 30 anos, durante unhas festas que pasamos aló, de leria coa xente nas casas. Chegado o momento Amadora despediunos dicindo: veña, hai que prepararse que vai vir o Apalpador. Eu nunca tal oíra, así que volvín ao día seguinte para saber máis”. Amadora faloulle do xigante do Courel, de como viña apalparlles a barriga ás pequenas e pequenos e das cantigas que lle brindaban. Non conforme co seu relato visitou outras casas da contorna. A casa de Cela, onde Encarnación e Benigno lle confirmaron o que xa escoitara na de Galego, e o mesmo na casa de María de Chandepena, no concello do Cebreiro.

 

Todos na bisbarra contaban a mesma lenda, a dun carboeiro que vivía na devesa e baixaba no Nadal para apalparlles a barriga ás crianzas e así, velar pola súa fartura e prosperidade.

 

Un personaxe universal

 

“O Apalpador é un personaxe do Nadal galego homologábel con outras moitas figuras que se celebran por toda Europa e que cumpren as mesmas funcións. Pode ser o caso do Anguleru asturiano, o Esteru cántabro, o Olentzero, no País Vasco; o mesmo Papá Noel, porque ten un fin idéntico, ou por poñer un exemplo máis exótico, o Ded Moroz, o avó das neves ruso. É un personaxe mítico de carácter universal que muda de nome segundo as culturas pero non de encomenda”. Esa función específica é protectora. Visita a cativada para desexarlle benestar e abundancia. “De feito, cando lle apalpa a barriga a un meniño e o ve ben mantido, dille: así pases todo o ano”.

 

Estamos diante dun personaxe de carácter global, pero tamén dunha celebración propia da nosa cultura, especialmente vencellada ás zonas orientais de montaña. “O máis probábel é que esta figura, en épocas moi recuadas no tempo, se estendese por todo o universo cultural galego, porque as outras tradicións, de orixe foránea, son moi recentes. O Papá Noel é cousa de hai catro días, e antes ninguén sabía que existía nin colgaba bonecos no balcón. E os Reis Magos nin sequera pertencen ao solsticio de inverno. Están documentados e pódense atopar referencias na Biblia, mais non eran reis, eran magos. Así que o Apalpador cumpre un papel fundamental de exaltación da nosa propia cultura”.

 

O relato mítico e as cantigas do Apalpador

 

Para sabermos máis da orixe, do significado e das interpretacións que foi recibindo este personaxe ao longo da historia, José André Lôpez Gonçâlez remítenos ao relato mítico do Apalpador e ás cantigas ligadas a el dentro do imaxinario popular. “A lenda fálanos do xigante do Courel, un carboeiro que vivía na devesa, que se dedicaba a partir leña, a recolectar bagas silvestres e a cazar. Non cultivaba, polo tanto o mito do Apalpador é anterior á chegada da agricultura”. Un mito mudado a través da historia, que iría acomodando as súas funcións sen renunciar nunca ao propósito orixinal.

 

A súa celebración sempre estivo ligada ao solsticio de inverno, unha data que segundo o calendario xuliano cae no 25 de decembro e que marca o nacemento da luz, o momento no que os días comezan a ser máis longos que a noite, “a natividade do sol, un rito festexado polo ser humano desde o principio dos tempos” e que o cristianismo asumiu para a natividade de Xesús.

 

Neste sentido, as cantigas do Apalpador serven para explicar o proceso de aculturación cristiá máis a súa aparición dentro das festas do Nadal. “Mañá é dia grande/día do noso Señor/mañá é día grande/virá o Apalpador. Este cantar demostra a presión da Igrexa para impedir que dous personaxes sagrados se festexasen o mesmo día. Mais non puido coa tradición, o único que conseguiu foi relegalo até outro momento de pasaxe como é o 31 de decembro”. E outro exemplo. “Por aquela cemba/xa vén relumbrando/o señor Apalpador/para darvos o aguinaldo. Non reloce calquera, senón alguén de moita importancia. Os budistas, os musulmáns, os cristiáns representan as súas figuras con halos de luz. E o Apalpador baixa circundado por un nimbo, o que indica a presenza dun ser superior que non anuncia a chegada de Xesús Cristo, como fai o Olentzero, cristianizado, senón que é el quen se presenta”.

 

O rito do Apalpador casa, ademais, con outras tradicións do Nadal que veñen de antigo e que se foron extinguindo ou cambiando co tempo. “Contoume Benigno, da casa de Cela, que cando era mozo subía á devesa cos outros rapaces da aldea. Alí tallaban un toro e baixábano a ombros para queimalo diante da capela vella. Comían e bailaban toda a noite mentres celebraban a torada de Nadal, unha tradición que se facía en Castela, en Aragón, na Galiza, en Catalunya... onde por certo, ten un grande arraigo a figura do Tiò de Nadal”, un tronco que acollen na casa desde os primeiros días de decembro para facelo ‘cagar’ doces e regalos mentres lle cantan e baten nel con bastóns de pau. “A torada de Nadal non se pode desvincular da figura do Apalpador, que é carboeiro e ten que cortar leña para dar luz e calor”. O que nos achega, de novo, á súa misión protectora.

 

Apalpabarrigas e Pandigueiro

 

A maxia do Apalpador como figura central do Nadal galego pasa agora polos nomes e polas representacións contemporáneas dun personaxe que os ilustradores visten con boina, unha casaca esfarrapada chea de remendos e unha barba roxa e abundante. “A ilustración de Leandro Lamas [que acompaña este texto e a capa deste número] encaixa perfectamente coas atribucións do Apalpador. Conseguiu unha imaxe preciosa, afectuosa e entrañábel”.

 

 

Cada vez máis gaña presenza nas celebracións culturais que achegan novas propostas para a promoción do Apalpabarrigas, como lle din nos Ancares e no Bierzo, ou do Pandigueiro, en Terra de Trives. Sirva de exemplo a proposta didáctica da Mesa pola Normalización Lingüística, ou as cancións, os monicreques e as ruadas que preparan en moitos recantos do país. “O traballo de visibilización que se fixo até o momento é acertado. O rito do Apalpador quedara reducido a un quefacer rural, e estaba condenado a desaparecer. Levalo ás vilas e ás cidades permitiu preservar o mito e as súas funcións. O importante é que o rito se manteña”.

 

[Esta reportaxe foi publicada no número 326 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]