Máis de 462.000 persoas viven na Galiza en “territorios libres de TTIP”

Xa son 18 os concellos de Galiza que aprobaron mocións contra este tratado transnacional que están a negociar EUA e UE. Un rexeitamento que se estende polo país ao tempo que por Europa.

De Manzaneda (975 habitantes) a Pontevedra (98.560), o tamaño non importa á hora de rexeitar o TTIP, o tratado transatlántico de comercio e investimentos (TTIP) que con escurantismo e secretismo negocian Estados Unidos e a Unión Europea. Xa son 18 os concellos galegos que aprobaron mocións contra o tratado e se declararon “territorios libres de TTIP”, a gran parte deles durante o presente 2016. En total estes municipios suman máis de 462.662 habitantes, o que supón o 17% da poboación galega. Hai concellos gobernados polo BNG (Pontevedra, Rianxo ou Allariz), polas candidaturas municipalistas ou marés (Compostela, Manzaneda...), o PSdeG (Lugo, O Barco..) ou mesmo o PP (Folgoso do Courel, onde goberna por maioría absoluta. A súa abstención permitiu aprobar a moción presentada por Courel Vivo).

Aprobáronse mocións e iniciativas contra o TTIP en concellos gobernados polo BNG, as marés, o PsdeG... e o PP

A decisión de se declarar contrarios ao TTIP deriva de mocións presentadas quer por grupos con representación ou tamén a través de iniciativas veciñais. En todas elas se incide na crítica do escurantismo co que se negocia un texto que vai afectar directamente á vida das persoas, así como sobre o impacto económico, social e ambiental das medidas que contempla e que saíron á luz pública a través de filtracións.

Impacto nos sectores produtivos locais

Neste sentido, unha das preocupacións céntrase no impacto que o TTIP pode ter sobre os sectores primarios galegos, e non só, tanto no agro coma no mar. Unha preocupación que se recolle expresamente en mocións aprobadas nalgúns concellos, como é o caso de Rianxo, que fai referencia expresa aos perigos e impactos que tería sobre a pesca e o cultivo do mexillón, bases económicas da Ría de Arousa.

Colectivos ambientalistas, sociais, mais tamén organizacións de produtores comezan a tecer redes para frear a aprobación do tratado, conscientes da repercusión negativa para Galiza

No conxunto do Estado son 180 os municipios que votaron contra o TTIP. En Europa, por volta de 1.400 vilas e cidades fan parte deste movemento de rexeitamento ao tratado transnacional. Os concellos galegos que até agora teñen aprobado mocións rexeitando o TTIP son Allariz, Ames, Barbadás, Baños de Molgas, Entrimo, Folgoso do Courel, Gondomar, Lugo, Manzaneda, Narón, Nigrán, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Rivadabia e Santiago de Compostela. Destes, os 5 municipios con máis habitantes son Pontevedra (98.560), Compostela (95.800), Lugo (80.946), Narón (39.574) e Ames (30.000). No outro extremo, e como os 3 con menos habitantes entre os territorios contra o TTIP en Galiza, Manzaneda (975), Folgoso (1.106) e Entrimo (1.323).