Xa son 24 os concellos galegos en alerta vermella pola pandemia

Teo, Monforte, Nigrán e O Porriño acceden a ese nivel.

O número de concellos galegos no nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia do coronavirus na última semana elevouse a 24, tres máis que o día de onte, ao activarse o aviso en Teo, Monforte, Nigrán e O Porriño e pasar a laranxa Culleredo.

Ademais, segundo consta no mapa 'semáforo' actualizado diariamente pola Consellería de Sanidade, continúan no nivel 3 pola pandemia os concellos de Ourense, O Barco, O Carballiño, Verín, Narón, Oleiros, Arteixo, A Laracha, Ordes, Mesía, Santiago, Ames, A Estrada, Vilagarcía, Pontevedra, Poio, Cangas, Nigrán, O Porriño, Tui, Salvaterra, Monforte e Lugo.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días.

Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, este aviso detéctase ao rexistrar sobre un centenar de casos.

Mentres, en situación dúas -o nivel laranxa do mapa- sitúanse 14, un menos que o martes. Trátase de Ferrol, Fene, Neda, A Coruña, Culleredo, Lalín, Vilanova de Arousa, Marín, Vigo, Mos, Gondomar, Boborás, Barbadás e Xinzo de Limia.

En cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con 56 e 111 casos novos de COVID-19 á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.

Os positivos por Covid-19 detectados na Galiza nas últimas 24 horas por PCR volveron a repuntar tras sumar outros 461 -o que supón 20 máis que a xornada anterior-, deles 111 corresponden á área sanitaria de Vigo e 78 á de Santiago e Barbanza.