Xa podes buscar o número 28 no teu quiosque!

Unha análise da situación do comercio galego a través d@s protagonistas é o tema de portada. Entrevistas a Xoán Bascuas, Ramón Nicolás, Mohamed Safa e C Castiñeiras. Na crónica política falamos do goberno Feijóo baixo sospeita desde o primeiro minuto e explicamos a dura situación do sector turístico no noso país.

 

O Sermos Galiza número 28, preparadiño para que esta sexta o teñas no teu quiosque. Vén completiño. Na análise a fondo, botamos unha ollada ao comercio local na Galiza. Un sector fulcral sometido a unha crise sen precedentes. Neste Sermos tamén entrevistamos a Xoán Bascuas, de CxG: "É importante recuperar a etiqueta de galeguista". E na crónica política, un goberno autonómico baixo sospeita desde o primeiro minuto de partido. Falamos tamén da planificación e promoción da Xunta non recupera o mercado turístico galego e do escenario laboral da mocidade galega, condenada aos contratos lixo do actual mercado laboral.

Contamos como a demanda de avogados de oficio se dispara pola crise económica e o caso de moitas mulleres de máis de 80 anos e soas: o perfil da tele-asistencia que Madrid non vai pagar. Falamos con Ramón Nicolás: "Celso Emilio cambiou de partidos, mais mantivo a lealadade ao nacionalismo" e explicamos como as leis do PP derivan de forma clara cara á "xenofobia institucional".

En Internacional, falamos de como a oligarquía mediática bota un pulso ao goberno arxentino e entrevistamos a Mohamed Safa, representante da OLP na Galiza: "Agardamos que Hamas e Al-Fatah poidan reconducir un proxecto colectivo". En Cultura botamos unha chiscadeliña a Os da Ría, que veñen de publicar novo disco e en Viaxes na miña Terra gozamos do outono no Courel, unha estación que cobra todo o seu sentido nesta serra galega. Okapi achégase até o Apalpador, unha relación condenada ao éxito e entrevistamos a C Castiñeiras, funcionario de Pontevedra: "Que non haxa extras non é malo só para o funcionario, éo para toda a sociedade".