Aberto o prazo de solicitude de praza nos campamentos de verán da Xunta

Participantes no programa de campamentos da Xunta da Galiza nunha edición pasada. (Foto: Xunta da Galiza)

Xa se pode pedir praza tamén nos campos de voluntariado.

A Xunta da Galiza abre esta terza feira o prazo de solicitude de praza nos campamentos e nos campos de voluntariado no país na Campaña de Verán 2023.

En concreto, no caso do programa de campamentos, o prazo de presentación das solicitudes será de dez días hábiles, despois de que se publicase a convocatoria esta segunda feira no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Pola súa banda, no caso dos voluntariados, a convocatoria estará aberta ata tres días antes do comezo do campo.

Novas propostas

Tal como indicou o Goberno galego nun comunicado, entre as novidades do programa atópanse un novo campamento na Illa de San Simón, en Redondela (comarca de Vigo).

Igualmente, a Xunta anunciou o desenvolvemento de novos campos de voluntariado en Santa Comba (Xallas), Viana do Bolo (Viana) e Pantón (Terra de Lemos).

As solicitudes para os campamentos e os campos de voluntariado deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos.

O Executivo galego avanzou que a programación estival complétase coa proposta 'Coñece a Galiza’ en estabelecementos turísticos do país, unha proposta que se dará a coñecer nas próximas semanas.

Residencias de persoas dependentes

Na mesma liña, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta terza feira a nova orde de ‘Respiro Familiar, que permite que persoas dependentes ou con discapacidade realicen estancias temporais en residencias, centro de día ou que contraten un coidador para o fogar. Este programa pretende facilitar o descanso dos coidadores habituais das persoas dependentes.