WWF denuncia a gravidade dos contaxios de Covid nas granxas de visón americano

Visón americano nunha xaula dunha granxa. (Foto: Jo-Anne McArthur / WWF)
Denuncian que unha de cada catro granxas galegas de cría destes animais rexistrou algún gromo de Covid-19 no que vai de pandemia.

O Fondo Mundial para a Natureza (WWF polas súas siglas en inglés) alerta mediante un comunicado de prensa que unha de cada catro granxas de visóns americanos existentes na Galiza rexistraron gromos de Covid-19 desde o comezo da pandemia.

A pasada sexta feira sóubese da detección de novos gromos en catro granxas de Abengondo, con dúas explotacións afectadas, A Baña e Compostela, onde se detectaron unha decena de positivos nunha das granxas de Abegondo, dous na outra, ao igual que en Compostela, con dous positivos, e catro positivos na Baña.

Após todo isto a plataforma animalista emitiu esta segunda feira un comunicado para facer pública a súa denuncia da "gravidade" destes episodios.

Como lembran desde WWF, Galiza suma no que vai de pandemia da Covid-19 un total de sete gromos, o que supón unha cuarta parte das 25 granxas de visóns americanos rexistradas no territorio galego.

Á vista destes datos, WWF solicita o fechamento de maneira "urxente" deste tipo de explotacións pola súa "altísima incidencia" en materia epidemiolóxica, alertan.

O colectivo cualifica este tipo de granxas como "bombas biolóxicas" que "ademais de supor un alto risco para a saúde por actuar de transmisores" do virus tamén representan "un perigo" para a biodiversidade.

Neste sentido, lembran que "con frecuencia" estes animais escápanse das granxas e "invaden" os hábitats galegos, o que supón "o desprazamento" e mais a "extinción" de "moitas" especies autóctonas.