NOVAS TECNOLOXíAS

Whatsapp racha coa privacidade co 'blue check'

A nova actualización "blue check" aprobada para o programa de mensaxería instantánea notifica a abertura das mensaxes, un feito que para o editor de Mallando no Android, Iago Varela, supón o quebranto da privacidade d@s utentes.

 

A chegada do blue check, a nova notificación de Whatsapp, está a remexer as redes sociais. A empresa de mensaxería actualizou o software e, a partir de agora, incorpora unha terceira notificación confirmando que a persoa receptora "abriu a mensaxe" e, polo tanto, a leu.

"Até o de agora tiñamos un duplo check que informaba, dunha banda, da saída da nosa mensaxe e, doutra, de que esta era recibida pola persoa destinataria", explica o editor de Mallando no Android e colaborador de Sermos Galiza, Iago Varela. Porén, desde agora Whatsapp tamén notificará a abertura da mensaxe. 

Varela amósase certo de que esta actualización supón "rachar coa privacidade" das persoas utentes pois "antes faciamos o xogo de ver a última hora de conexión para saber se alguén se conectara despois de enviarmos a mensaxe, mais iso podía eliminarse após unha actualización". No entanto, o blue check ou check azul, "aparece para todos", explica. 
 

Un truco para agochalo

"O problema é que non poidas elixir" esa posibilidade, sinala o enxeñeiro en telecomunicacións que, así as cousas, descobre en conversa con Sermos Galiza algún dos "trucos" cos que canea a novidade incorporada por Whatsapp. "Pódese pór en modo avión o dispositivo antes de abrir a mensaxe, desta maneira non aparece a terceira notificación, mais é moi fastidioso", acrecenta. 

Iago Varela, Mallando no Android: "O problema é que non poidas elixir"

A que responde esta nova actualización incorporada por Whatsapp? A esta pregunta Iago Varela responde que se trata dunha "tendencia" que están a seguir "todas as compañías de mensaxería". Segundo o editor de Mallando no Android, "tentan responder ás demandas dos utentes" que levan tempo reclamando a Telegram, Line ou Whatsapp coñecer se a persoa receptora da mensaxe leu ou non o que enviamos. "Queremos saber se chegou e se a leron, sobre todo cando non obtemos resposta", sinala. Algo que acontece, coida Varela, tamén cos correos electrónicos. 
 

Un elemento de control

Así as cousas, salienta Iago Varela, este feito constitúe "un elemento de control" que, para alén de "rachar a privzacidade" pode ser "un perigo" se ollamos con perspectiva de xénero en relación a parellas posesivas, como xa o son, salienta "todas as redes sociais". Porén, este feito esténdese ao ámbito laboral e, por suposto, ás amizades.

Sobre o futuro do blue check, Varela asegura que está a haber "moitos movementos" arredor del após 24 horas da súa aplicación, "ao mellor actualizan e o fan opcional" como xa acontecera coa hora de conexión. "Eu agardo que si", asegura.