Wert pón remedio aos recortes: que nais e pais baixen os libros de internet

O ministro de Educación, José Ignacio Wert
O ministro de Educación desafógase no programa de variedades que presenta Ana Rosa Quintana. Denomina  ''escándalo social'' as protestas contra os recortes no ensino público e di que ''un dos maiores dramas do Estado español é que a maioría dos parados non teñen estudos''. As presidentas das Federacións de Anpas de Lugo e da Coruña cadran en que as súas declaracións ''incitan á ilegalidade''

 

O ministro de Educación, José Ignacio Wert, considera que as protestas que a comunidade educativa está a protagonizar para manifestar o seu rexeitamento á navallada practicada no ensino público son "unha especie de escándalo social" que el non entende, e recomendou a nais e pais que descarreguen da internet os libros de texto das crianzas. "A mochila dixital custa a metade", espetou. O ministro desafogouse no programa de variedades da canle privada Telecinco que presenta Ana Rosa Quintana, perante cuxas cámaras dixo que "a crise fai necesarios os recortes nos comedores escolares e nos libros de texto".

"Non vou ser eu quen lle negue se son necesarios ou non os recortes, mais seguro que hai de onde quitar sen tocar nin a sanidade nin a educación". Cando contactamos con Elvira Lombao, presidenta da Federación de Anpas de Lugo, xa sabía da aparición televisiva do ministro. "Se o tivese diante diríalle que rebaixase o seu soldo", apunta Lombao, após recalcar que o que fixo o titular de Educación foi "incitar á ilegalidade" ao convidar a nais e pais a baixaren os libros, para alén da fenda dixital que existe no noso país, onde "non todo o mundo podería descargalos aínda sendo legal".

''As Anpas xa estamos a resolver a situación doutro xeito; non nos cómpren consellos''
Pola súa banda, Helena Gómez Vecino, presidenta da Federación das Anpas da Coruña, sinala que Wert "está totalmente equivocado". Cadra con Lombao en que o ministro "incitounos á ilegalidade, pois a maioría dos libros non están libres de dereitos", mais informa ao ministro de que "nas Anpas xa estamos resolvendo a situación doutro xeito e non cómpre que veña darnos consellos". Explica Gómez Vecino que as familias dos colexios públicos da Coruña botaron a andar unha sorte de banco de libros onde se van deixando os do curso rematado para tomar aqueles necesarios para o seguinte curso. Sempre co compromiso de os devolver en bo estado.

O sistema non é novo. "Cando eu era pequena os libros herdabámolos dunhas irmás ás outras". Para alén dos contactos feitos entre Anpas, tamén as propias familias intercambiaron motu propio o material escolar e os uniformes --hai centros públicos onde as crianzas poden levar uniforme de maneira voluntaria.

"Un dos maiores dramas do Estado español é que a maioría dos parados non teñen estudos, polo que aumentar a calidade do ensino é prioritario", dixo Wert. E o ministerio de Educación pretende facelo reducindo no orzamento que destina ao ensino público e recortando o número de docentes e de servizos que se prestan nos centros. Contra a política do PP desenvolvida no estado e apoiada na Galiza hai convocada unha folga en todos os niveis do ensino público: será o 17 de outubro impulsada por Comités e Galiza Nova.