Unha demanda por vulnerar dereitos a presos independestistas galegos, a Estrasburgo

Os avogados de Antom Santos, María Osorio, Teto Fialhega e Edu Vigo presentaron unha demanda perante o Tribunal europeo na que alegan que se vulneraron os dereitos a un xuízo xusto e á presunción de inocencia. ‘Que Voltem’ inicia un ‘crowdfunding’ para facer fronte aos elevados custos do proceso, por volta de 30.000 euros en total.

 

Os avogados dos presos independentistas María Osorio, Antom Santos, Edu Vigo e Teto Fialhega presentaron unha denuncia por vulneración de dereitos humanos perante o Tribunal de Estrasburgo (TEDH), recurso no que se argumenta que durante o xuízo a estas catro persoas no verán de 2013 na Audiencia Nacional houbo unha serie de irregularidades que supuxeron, afirman, unha vulneración do principio procesal de igualdade.

"Violouse o dereito a un xuízo xusto e con todas as garantías, e violouse o dereito á presunción de inocencia"

Segundo explicou Cristina Rodríguez, de ‘Que Voltem’, en conversa con Sermos Galiza, a demanda aséntase en dúas bases xurídicas. Por un lado, a violación do dereito a un xuízo xusto e con todas as garantías. “Vulneráronse os artigos 5.1 e 6.1 da Convención de protección de dereitos humanos e liberdades fundamentais”, explica, poñendo como exemplo “a expulsión durante o xuízo dos peritos da defensa”. A outra base xurídica da demanda parte do que os avogados entenden que é “unha violación do dereito á presunción de inocencia. Antes e durante o xuízo houbo presións do poder executivo sobre o xudicial, como as declaracións do delegado do goberno, etc...”.

Financiamento

A plataforma de familias e amig@s dos presos independentistas impulsa a partir deste fin de semana unha campaña de ‘crowdfunding’ coa que, alén de “visualizar a demanda e por que se presenta”, tamén se procura recadar fondos para facer fronte aos elevados custos do proceso, que en total poderían andar por volta dos 30.000 euros. “O crowdfunding, porén, sería para sufragar só a primeira fase, uns 6.000 euros”. Na iniciativa contarán co apoio de escritores, grupos de música...

De ser admitida a trámite, o proceso de axuizamento e deliberación pódese prolongar entre dous e tres anos

O procedemento no Tribunal de Dereitos humanos de Estrasburgo consta de 2 fases. A primeira, a de admisión, que corresponde á Comisión, encargada de comprobar que a demanda ou recurso cumpre todos os requisitos. “Agardamos que se resolva para finais deste ano ou comezos de 2016”, confía Cristina Rodríguez. A segunda fase, axuizamento e deliberación, polo xeral ten unha demora, desde a admisión a trámite, de 2 ou 3 anos.

“Foi unha sentenza política e arbitraria, por iso recorremos perante Estrasburgo”, indica.

Rebaixa de penas

No xuízo na Audiencia Nacional a fiscalía pediu para os catro independentistas un total de 64 anos de cárcere. Contra a sentenza da AN os avogados presentaron recurso de casación perante o Tribunal Supremo, que o estimou en parte rebaixando as condenas a un total de 43 anos.

Na rolda de imprensa na que se deu conta do recurso houbo representantes de diferentes organizacións políticas, sociais e sindicais, como CIG, BNG, Causa Galiza, Liga Estudantil Galega, Agir, Briga, Agora Galiza.