A vulneración da “dignidade” dos pacientes do CHUS, sen resposta polo Sergas

Exterior do Chus en Compostela (Arxina).

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS critica a “non contestación” da xerencia do SERGAS aos requirimentos da Valedora do Pobo.

O pasado mes de febreiro a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, presentou unha segunda queixa ante a Valedora do Pobo contra a xerencia do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e  a xerencia do SERGAS “por vulneración, nos servizos de urxencias, do dereito fundamental a dignidade e intimidade dos pacientes que, con distinto nivel de gravidade, son colados en padiolas e cadeiras de roldas nos corredores de acceso en espera de recibir asistencia nos lugares de atención”.

A asociación explica que o artigo 26 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo establece unha obriga xeral dos poderes públicos de Galiza de prestarlle o auxilio e a cooperación que lle sexa demando nas súas investigación e actuacións e contempla unha advertencia ás autoridades, funcionarios e axentes que dificulten ou entorpezan a súa actuación, dos seus adxuntos ou delegados, no sentido de advertir de dita conduta ao superior xerárquico e, no seu caso, ao Ministerio Fiscal para o exercicio das acción que podan proceder, e o reflexo de tales actitudes nos seus informes ao Parlamento de Galiza.

“A pesar do carácter imperativo desta obriga legal a adxunta a Valedora do Pobo, infórmanos que o Sergas fixo caso omiso dos dous requirimentos de información feitos para a resolución da queixa presentada e que de persistir na súa actitude produciranse as consecuencias legais do citado artigo 26”.

“Como vimos denunciando reiteradamente o Sergas é un limbo de impunidade administrativa onde os principios esenciais do estado de dereito e dos dereitos recoñecidos aos pacientes e usuarios son vulnerados sistematicamente”.

Este colectivo afirma que “mentres se dá o silencio como resposta, os servizos de urxencias do CHUS volveron a colocar no mes de xuño a pacientes graves nos corredores de acceso someténdoos a unha grave vulneración da súa dignidade e intimidade e a un plus de deterioro emocional engadido a seu estado de saúde”.