A policía española a un cidadán: ''Gallego de mierda, me cago en tus muertos, en tu madre, en tu sangre''

[Imaxe: arquivo SG]

Esta e outras frases de contido vexatorio e racista terían sido pronunciadas polos axentes da policía española de Tarifa após a detención de B.G. e J.M.R.G., veciñ@s da Coruña acusad@s de transportaren 500 gramos de hachís. 


"Te voy a partir la cara a hostias, a ti, puta perra mora de mierda" ou "Gallego de mierda, me cago en tus muertos, en tu madre, en tu sangre... tu mujer y tú os vais a cagar por la pata abajo". Son algúns dos insultos e comentarios racistas que terían recibido B.G. e J.M.R.G. na escuadra policial (comisaría) de Tarifa, onde foron detid@s e acusad@s de transportaren 500 gramos de hachís. 

Veciñ@s da Coruña, B.G. e J.M.R.G. presentaron denuncia polo trato dispensado polos axentes da policía española encargados de custodiar a súa estadía nos calabozos. Segundo o parte da denuncia, ao cal tivo acceso Sermos Galiza, non se lles proporcionou nin almorzo nin xantar e ficaron pechados en senllas celas máis de doce horas --desde as 23.30h até as 12.30h--.

Ao día seguinte, os axentes decidiron "de maneira arbitraria" deixar de lle subministrar a B.G. o tratamento prescrito pol@s facultativ@s dun centro hospitalario, nomeadamente laxantes para facilitar a expulsión das substancias estupefacientes que inxerira.

Flexións espido, comentarios racistas e fractura dunha costela

Após obrigar J.M.R.G. a se espir e facer flexións, foron transladad@s a dependencias policiais de Alxeciras: sen colchoneta nen manta na cama, nunha cela anegada, sen papel hixiénico, sen xabrón e sen auga nin para a medicación, obrigándo@s a beber directamente do retrete, sempre segundo os feitos que el@s propi@s denunciaron. Aliás, describiron como unha compañeira de cela de B.G. que pediu autorización para ir ao baño recibiu como resposta un "te voy a partir la cara a hostias, a ti, puta perra mora de mierda".

O home, J.M.R.G., dixo ter sido vítima das agresións propinadas por cinco axentes e precisou atención hospitalaria mais, tal e como sinalou, a policía incautou o parte de lesións. Xa na Galiza, foi atendido no servizo de urxencias no complexo hospitalario da Coruña. O informe da alta sinala como causa probábel das dores que relatou unha "fractura da quinta costela esquerda". O caso, denunciado por Esculca, está xa en mans do xulgado nº2 de Alxeciras.