ÓSCAR PINAL, FOTOXORNALISTA

"Vou a Gaza ver a realidade cos meus ollos"

[Imaxe Jess Hurd]

Di que é "un encargo persoal". Tras del non hai ningún medio de comunicación, nen liña editorial. Só os obxectivos da súa cámara de fotos coa que tentará inmortalizar o que acontece na Faixa de Gaza.

 

Móveo o "romanticismo" que di existe "nestes países onde se está a producir unha revolución moral embora saber que están derrotados". Óscar Pinal é ourensán e fotoxornalista. Após un tempo cavilando na idea de visitar Gaza para coñecer a realidade que vive o pobo palestino e, tamén, a cidadanía israelita, esta quinta feira viaxará até Palestina para retratar coa súa cámara o que está a acontecer.

Para sufragar os gastos --que cifra en máis de 2.000 euros-- está a procurar apoio económico cunha campaña de crowdfunding. Óscar amósase moi "agradecido" polas aportacións que lle foron chegando de "colegas, persoas achegadas e mesmo descoñecidos". 

Por que escolliches Gaza?
Levo moito tempo centrándome neste conflito. Coido que o pobo palestino está completamente encarcerado e que hai probas que levarían Israel perante calquera corte internacional. Mais o que me chama é a impotencia de ver xente --dun lado e doutro-- que non conta. Chámame o romanticismo destes países onde se está a producir unha revolución moral embora saber que están derrotados. O que quero é ver esa sociedade que non quere tomar parte nese suicidio masivo. Neste senso, tentarei enfocar o meu traballo na parte que pula por unha solución ao conflito e non nas imaxes crúas que incitan a ambas partes a se enfrontar. Quero velo desde outra perspectiva, darlle a volta. 

"O que quero é ver esa sociedade que non quere tomar parte nese suicidio masivo"

Lembro o documentario "Non me chames fotógrafo de guerra", foxes desa etiqueta?
É unha carta de presentación pomposa e cínica. Eu o que quero é ver como o pobo palestino vive baixo a permanente ollada dos drons, cun punto de mira apuntando a caluga nun checkpoint, con cortes de auga... Quero ver a realidade cos meus ollos e tentar comprendela para facer aos demais partícipes desde a neutralidade. 

É difícil levar a cabo un proxecto así sendo freelance?
Ser freelance é complexo en calquera sector. Neste caso aínda máis se queres saír fóra e traballar sen contar cos medios dos que dispón un reporteiro de axencias. Eles só teñen que pensar en traballar, mais eu teño que pelexarme coas aseguradoras porque ningunha quere facer un seguro a quen vai a unha zona en conflito, teño que mercar o meu propio chaleque antibalas cando en Francia o Ministerio de Relacións Exteriores os dá gratuítos a quen se acredita para cubrir unha guerra. 

"Un fotógrafo de axencias só ten que pensar en traballar. Eu teño que pelexarme até coas aseguradoras porque ningunha quere facerme un seguro"

Ten contrapartidas positivas non depender de ninguén?
Neste caso débome a todos os que participaron e me axudaron. Mais si, ir sen presión e de maneira libre é a parte da que gostaría case todo o mundo. Porén, sei que iso tamén ten cousas negativas, son bastante crítico, e consciente de que os primeiros días non me vou enterar de nada aínda que leve un fixer [persoa que serve de introdutor]. É un choque tan brutal que non arrancas até a segunda semana 

Imaxino que tirarás fotos constantemente...
Cando estiven en Etiopía gastei moito botón [ri]. É un choque brutal. Mais co paso do tempo colles gusto persoal e céntraste. 

Cal é o obxectivo do proxecto? Cal será o resultado?
Hai varias ideas. A primeira é publicar nunha revista coa que xa teño falado. Niso centrareime ao comezo. Tamén tentarei recompensar ás persoas que me apoiaron economicamente con algo especial. Tamén teño en mente facer unha exposición. O que teño claro é que o nexo de todo será non alimentar máis conflito nen máis odio pois coido que non é o camiño para solucionar o que está a acontecer. Isto ten que calmarse. 

"O nexo de todo será non alimentar máis conflito nen máis odio"

Israel di que non garante a integridade física da imprensa desprazada en Gaza. Impón a viaxe?
O que non ten medo non ten cú. Iso sábeo tanto o de axencias coma min. Se chegas alí sabes ao que vas. O que hai é que saber moverse e para iso pegareime ás persoas que levan máis tempo. 

Conseguiches cumprir o teu obxectivo económico?
Non. Mais cada aportación a min sérveme para moito. Estou moi agradecido polo diñeiro que me foi chegando de colegas, persoas cercanas e mesmo descoñecidos que me escribiron en Facebook só para me dicir que acababan de facer o ingreso. Quero recompensalos á volta con algo especial.