Os votos do PP blindan o expediente con que a Xunta sancionou o director do IES Illa de Arousa

[Imaxe: CIG-Ensino]

Rexeitan a proposición do BNG, apoiada por AGE e PSdG, para retirar ese expediente ao considerar que a da consellaría foi unha decisión "política" que persegue un obxectivo "exemplarizante".


Os sete votos que o PP posúe na Comisión de Educación avalaron o expediente que a consellaría abriu contra o director do IES Illa de Arousa, Alfonso Malvido, por demorar un día en iniciar o curso académico porque, após o recorte da Xunta no número de docentes, non dispuña de profesorado dabondo para atender as necesidades do centro. Nais e pais do alumnado non só foran avisadas de que o primeiro día de aulas se adiaba, senón que estaban de acordo. 

Por isto último, a deputada do BNG Montse Prado defendeu esta quinta feira unha proposición en que @s nacionalistas reclamaban que o expediente ficase revogado. "Non supuxo ningunha consecuencia importante ao non carrexar prexuízos e, aliás, todos sabemos que é práctica habitual iniciar o curso de maneira escalonada, por niveis", expuxo Prado, quen cualificou a decisión da consellaría de "política e partidista", defendendo que perseguía un único obxectivo, "un efecto exemplarizante e non a mellora da calidade educativa". 

Apoiou a petición o deputado de AGE Ramón Vázquez, quen ironizou sinalando que o expediente sancionador contra Alfonso Malvido tiña por finalidade castigar o director "por estropear o titular da Xunta de que o inicio do curso escolar decorrera con normalidade". Dixo Vázquez que o que fixo Malvido foi "cumprir coa súa obriga de garantir unhas condicións mínimas" para encetar as aulas e acrecentou que non foi o da Illa o único centro que denunciou ora falta de profesorado --cun 30% máis de docentes que imparten até seis materias das cales non son especialistas-- ora outras continxencias achacábeis á Xunta, como que o ano académico arrincara con obras aínda no colexio.

Tamén o deputado do PSdG-PSOE Vicente Docasar se pronunciou a favor da proposición nacionalista e recordou que a decisión de Alfonso Malvido fora tomada no concello escolar, un órgano autónomo que a LOMCE "vai converter nun mero floreiro". 

Malvido ''xoga ao vitimismo'', di o PP

Con todo, nin os argumentos das tres forzas da oposición nin os cinco votos que lles corresponden na Comisión de Educación fixeron mudar de opinión o PP, afeito a quitar adiante medidas que contan só co apoio de si propi@s. O deputado Román Rodríguez acusou a BNG, AGE e PSdG-PSOE de "defender unha actuación que está fóra da legalidade e que cadaquen pode facer o que lle peta sen que a Administración interveña".

Tamén cargou contra o propio director, de quen dixo que "xoga ao vitimismo". Malvido adiantouse a estas acusacións nun acto realizado diante da delegación territorial da Xunta en Pontevedra, onde a CIG entregou máis de 5.000 sinaturas para o apoiar. Dixo o docente que "non son eu o responsábel de ter o cadro de persoal completo o 16 de setembro" e que "se o que queren é un director que acate o que lle impoñan, entón Alfonso Malvido sobra".