O voto dun imputado na trama do Banco Pastor trae á Galiza unha universidade privada e católica

© Banco Pastor

A dependencia do Centro de Estudios Superiores Galego dun centro de Aragón foi decidida nunha votación no Consello Galego de Universidades onde, malia estar imputado por cinco delitos, José María Arias Mosquera, presidente do Consello Social da USC, conserva o seu asento. Foi o seu voto o que garantiu o desembarco.

 

O voto a favor do ex-presidente do Banco Pastor, José María Arias Mosquera, foi o que posibilitou que a Universidade San Jorge, privada e promovida pola arquidiócese de Zaragoza, aterre na Galiza para impartir até catro graos do Centro de Estudos Superiores Galego --Cesuga--.

Se ben foi o Consello da Xunta o que deu o visto e prace definitivo a esta franquicia católica, a decisión viña encamiñada xa dunha votación anterior: a realizada a mediados de febreiro no Consello Galego de Universidades, onde teñen representación a consellaría de Educación e as reitorías das tres universidades públicas galegas. A posibilidade de que o Cesuga pasase a estar adscrito por vez primeira a un centro privado --estábao a unha universidade pública da Irlanda-- saiu adiante por un voto de diferenza: o de Arias Mosquera. 

Que ten a ver o ex-presidente do Banco Pastor coa universidade pública?

Para alén de ter presidido o Pastor desde o ano 2001 e de ser patrono de honra da Fundación Fernández-Latorre, isto é, La Voz de Galicia, José María Arias Mosquera tamén é presidente do Consello Social da USC --desde xaneiro de 2014-- e, coma tal, ten un asento reservado no Consello Galego de Universidades, ao igual que acontece cos seus homólogos na U-Vigo e na UdC. 

Cómpre sinalar que Arias Mosquera non abandonou o devandito asento malia estar imputado na trama do Banco Pastor. A denuncia dun pequeno accionista levouno perante os tribunais canda Jorge Gost, o ex-conselleiro delegado da entidade absorbida polo Banco Popular . Os dous están imputados por cinco delitos: dous contra o mercado e @s consumidor@s, un de estafa, un de administración fraudulenta e máis outro de falsificación de documentos mercantís para ocultar o estado real de quebra do banco e atraer novos investimentos. 

O Cesuga dependerá dun centro privado católico 

Voltemos agora á votación no Consello de Universidades. Oito votos a favor, sete en contra e unha abstención avalaron un informe preceptivo para que a Universidade San Jorge desembarcase na Galiza, informe que agora apoiou a Xunta da Galiza malia saír adiante só cun apoio de diferenza e contar o rexeitamento frontal dos reitores das tres universidades públicas. Quen emitiu ese voto que decantou a balanza cara ao si? Arias Mosquera, o ex-presidente do Pastor. 

Segundo puido saber Sermos Galiza, o presidente do Consello Social da USC revelou o sentido do seu voto ao interpretar mal unha pregunta dun representante do persoal PAS, quen quería coñecer se o ex-reitor da USC, Senén Barro, apoiara tamén a entrada do centro privado católico. Barro abstívose, mais Arias Mosquera non dubidou en informar de que el propio se posicionou a favor e, de seguido, pronunciar un alegato en favor da universidade privada porque, segundo el considera, crea máis postos de emprego que a pública. 

Máis unha imputada no Consello Social da USC

José María Arias Mosquera non é a única persoa imputada que fai parte do Consello Social da USC. Segundo a propia entidade pública, entre @s integrantes hai quen foi nomeado polo Parlamento galego, pola Xunta, polos sindicatos, polas empresas, polos colexios profesionais e polos concellos dos campus.

No caso da USC, con campus en Lugo e Compostela, neste último caso están Luís García e Rebeca Domínguez, concelleira de Educación no goberno local compostelán e imputada na operación Pokemon contra a corrupción. Por certo que entre as designacións achegadas pola Xunta está Blanca de Cora García-Montenegro, filla da presidenta do Grupo El Progreso Blanca García-Montenegro.