Aurita, unha voz de Ser Modou Modou

“Se volves, terás comida aquí”

[Foto: Erik Dobaño] Cheikh Fayé, autor de "Ser Modou Modou"

Tres comidas en Corme é a entrada máis lida do blogue que Cheikh Fayé converteu no libro Ser Modou Modou. O autor volveu á vila mariñeira na procura da protagonista daquela historia para descubrir quen era aquela muller que lle dera de comer uns días de festa hai uns anos. Publicamos un extracto da reportaxe incluída no semanario Sermos Galiza 256.

“Unha vez en Corme, hai tres anos, unha señora, unha avoa, viume montar a tenda desde a súa xanela. Era moi cedo. Cando terminei, baixou ela co almorzo e díxome que traería a comida e a cea. Así foi durante os tres días da festa. Non me dixo o seu nome”.

Chámase Aurita. A protagonista de Tres comidas en Corme, unha das historias de Ser Modou Modou, o libro de Cheikh Fayé que comezou sendo un blogue, vive nunha casa da Praza da Ribeira e desde a súa fiestra vense o porto e o mar. Leva alí toda a vida. Casou, tivo fillos, xa ten bisnetos, enviuvou e segue pendente do negocio familiar. Un luns do mes de xullo Cheikh foi na procura daquela avoa para agradecerlle a hospitalidade e agasallala co libro. Aurita convidouno a un café e a un refresco.

Tres comidas en Corme segue sendo unha das entradas máis lidas de Senegaliza. Cheikh Fayé (Gade Escale, 1962) vén de ver editado o seu libro pola AS-PG dous anos e pico despois de abrir a bitácora na rede. Neste tempo non parou de viaxar polas feiras e festas da costa, de Muros a Ortigueira, e tampouco de escribir. Non volvera a Corme.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 256 do semanario Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]