Volven subir os contaxios: 625 novos casos nas últimas 24 horas

Covid-auto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo (Imaxe: Europa Press).

Nova repunta de contaxios de Covid-19 na Galiza. Nas últimas horas, a Consellaría de Sanidade deu conta de 625 novos casos. O número de casos activos descende en 22, até os 9.532.

Galiza volveu rexistrar unha repunta de contaxios de Covid-19 tras detectar 625, deles 611 confirmados por PCR nas últimas 24 horas e os 14 restantes a través doutros métodos.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá desta sexta feira pola Consellaría de Sanidade na súa páxina web con cifras até as 18 horas da quinta feira, nos que se indica que na área sanitaria de Vigo confirmáronse 218 casos con PCR nas últimas 24 horas; 111 na da Coruña e Cee; 95 na de Santiago e Barbanza; 65 na de Pontevedra e O Salnés; 46 na de Ferrol; 42 na de lugo e 34 na de Ourense.

En canto aos casos activos seguen en descenso, mais unha diminución moi cativa, após reducirse en cinco das sete áreas sanitarias galegas e aumentar nas de Vigo de Pontevedra.

En concreto, na de Vigo soben a 2.450 os casos activos -24 máis-; e na de Pontevedra e O Salnés, a 1.270 -20 máis-. Pola súa banda, descenden nas da Coruña e Cee até os 1.840 -15 menos-; a 1.130 na de Santiago e Barbanza -18 menos-; a 1.053 na de Lugo -11 menos-; a 915 na de Ferrol -16 menos- e a 874 na de Ourense -seis menos-.

Os pacientes con coronavirus que se curaron aumentaron a 33.624 após sumarse outros 640 a respecto da quinta feira. E as PCR realizadas son 780.668, o que implica 8.324 máis que na xornada pasada, e 409.211 probas serolóxicas, 1.046 máis.

Falecementos

Até a data contaxiáronse na Galiza con Covid 44.201 persoas e faleceron 1.046, tras notificar na tarde da quinta feira Sanidade a morte de sete, todas elas con patoloxías previas e tres delas relacionadas con residencias.

Na xornada da segunda feira, Sanidade deu conta de 21 falecementos, e nas da terza e da cuarta, de 15.