Volven as festas da Maruxaina cun 'punto violeta' e a promesa de máis seguridade e baños públicos

Mobilización en Cervo na defensa das vítimas da Maruxaina. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O xuízo das mulleres que foron gravadas ouriñando sen o seu consentimento na edición de 2019 desta festa —imaxes que acabaron en páxinas web pornográficas— segue aínda aberto.

Tres anos despois das gravacións a mulleres ouriñando que manteñen aberta unha investigación xudicial, a localidade de San Cibrao (Cervo), volve celebrar desde esta sexta feira as súas festas da Maruxaina, que contarán este ano con máis seguridade, máis baños públicos e un 'punto violeta'.

Trátase dunha celebración que recae o segundo sábado de agosto desde 1985 —aínda que en 2020 e 2021 non houbo festexos pola pandemia— e trata de escenificar a lenda da Maruxaina, unha personaxe con aspecto de serea que vive nun castelo baixo a auga e da que uns din que é boa, porque avisa os mariñeiros dos temporais, e outros que se dedica a seducilos para que se perdan no mar.

Nestas festas, declaradas de Interese Turístico Galego, San Cibrao recrea a detención e xuízo ao que foi sometida a Maruxaina, con homes e mulleres que visten como antano. Os mariñeiros saen ao mar en busca da serea mentres fan soar cornos e bucinas para non escoitar o seu canto. Logo, regresan con ela e condúcena á praza dos Campos para que sexa xulgada polos seus actos. A Maruxaina sempre é absolta e o xuíz, na lectura da sentenza, ordena celebrar unha festa.

Malia que este sábado serán os actos centrais, xa no día de hoxe decorrerá a 'pre-Maruxaina' cun 'chupinazo' que dará inicio ás festas ás 19 horas na praza, así como co nomeamento do Maruxaino e a Maruxaina de Honra 2022.

O día grande, o sábado, estará animado desde primeira hora por charangas e gaiteiros. Xa pola tarde, está previsto o desenvolvemento duns xogos populares na praia e ás 23 horas celébrase o desembarco da Maruxaina na praia do Torno xunto cun espectáculo de fogos artificiais. O xuízo popular é a medianoite, tras o cal haberá unha degustación gratuíta e unha verbena.

Máis seguridade e baños

Segundo avanzaba en días pasados o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, este evento contará con máis presenza da Garda Civil e de seguridade privada, que velará porque non se repitan as gravacións ilegais de hai tres anos a máis dun centenar de mulleres mentres ouriñaban, que nalgún caso se subiron a webs pornográficas.

En concreto, o rexedor prometeu "cubrir máis os espazos de seguridade e de baños públicos para que a festa siga sendo un referente". Alén da maior presenza de axentes, acordada na xunta local de seguridade, porase un 'punto violeta' para previr agresións a mulleres. "Falamos dunha festa declarada de Interese Turístico Galego e, como todas as festas, a clave é vir con gana de pasalo ben e con gana de gozar do pobo", destacou Villares, quen apelou tamén ao civismo, porque a afluencia de miles de visitantes fai "moi difícil" controlar todos os comportamentos.

A investigación continúa aberta

A Maruxaina de 2019 será lembrada como aquela na que se produciron gravacións de mulleres ouriñando na rúa e que foron subidas a páxinas de contido pornográfico. A investigación, que leva o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro, continúa e aínda quedan por comparecer unhas 20 do máis dun cento de mulleres que aparecen nestes vídeos, que xa foron eliminados de Internet.

O xuíz de Viveiro arquivara o caso nun inicio porque non apreciaba delito e, segundo argumentou, os vídeos graváranse nun lugar público. Con todo, en novembro de 2021, a Audiencia Provincial de Lugo ordenou reabrir a investigación tras senllos recursos das afectadas e da Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei), que exerce a acusación popular.