Volven as discotecas: máscara obrigatoria e deixar o número de móbil para estar localizábel

A capacidade permitida será de dous terzos.

As discotecas e outros locais de lecer nocturno reabrirán na Galiza a partir do 1 de xullo como estaba previsto, pero será obrigatorio utilizar máscara e que os responsábeis dos establecementos velen porque a clientela deixe un número de teléfono e poder ser localizados no caso de que haxa rebrote. O aforamento permitido será de dous terzos.

En opinión do presidente, Núñez Feixoo, que lembrou que o Goberno estatal xa deixaba abrir discotecas previamente, esta actividade é "de alto risco" en relación a posibles rebrotes, pero subliñou que hai "un pacto de compromiso" e unha relación "de confianza" da Xunta co sector. Se non funciona, advertiu que se anulará a orde e volveranse a pechar estes establecementos.

Ademais, Feixoo indicou que nas discotecas poderá haber inspeccións por parte de Consumo, Saúde Pública ou calquera policía dos distintos corpos de seguridade "en calquera instante".

"Haberá unha especial vixilancia", sentenciou, aínda que considera que son máis perigosos os "botellóns nocturnos" que teñen lugar nalgunhas localidades da comunidade e pediu a colaboración do resto de administracións.

O presidente galego ratificou que se actualizará o decreto aprobado cando Galiza saíu do estado de alarma e, quince días despois, tamén se aumentará a capacidade en praias, verbenas e parques infantís.

Pero tamén incidiu na obrigatoriedade de cumprir as normas, de comunicar os síntomas se os houber, e sinalou que, por consello do comité clínico, cambiarase a "formulación" da redacción sobre o uso de máscara na normativa galega, para incidir na súa importancia.

Así, lembrarase que a recomendación é o uso de máscara en primeiro termo co engadido de que a excepción será que se cumpra a distancia de seguridade, e non ao revés.

O presidente da Xunta, lanzou unha mensaxe moi contundente despois de que, nos últimos días, se rexistraran dous rebrotes na Galiza (Barbanza e A Mariña), e advertiu que o coronavirus é unha enfermidade infecto contaxiosa, polo que é "obrigatorio" comunicar os síntomas e, de non facelo, incorreríase " en responsabilidade".