Volven deter o mozo de Neda que foi apresado hai meses por roubar até tres microbuses en Ferrol

Vehículo da Garda Civil. (Foto: Europa Press)

Acabou impactando contra a igrexa de Santa Eulalia de Liáns, en Oleiros.

Un mozo de 19 anos, veciño de Neda (comarca de Ferrolterra), foi detido o pasado sábado por axentes da Garda Civil após protagonizar unha persecución desde Sada (comarca da Coruña) até o municipio limítrofe de Oleiros, onde acabou impactando contra a igrexa de Santa Eulalia de Liáns.

Segundo fontes consultadas pola axencia Europa Press, trátase do mesmo individuo que foi detido hai uns meses, en decembro, en Ferrol após roubar até tres minibuses da estación e percorer cos mesmos varias estradas da comarca. Mesmo chegou a levar a outras persoas aos seus domicilios tras recollelos á saída dunha discoteca da zona.

Nun primeiro momento, o mozo estivo ingresado na área de psiquiatría do Hospital Naval de Ferrol por orde xudicial. Posteriormente, foi derivado ao cárcere de Teixeiro, en Curtis (As Mariñas), por algúns delitos. Tras varias semanas recluído, foi posto en liberdade ao recibir o terceiro grao.

A detención do sábado, 17 de xuño, produciuse logo de que os axentes viran como un vehículo circulaba pola vía pública de maneira errática e que, ademais, supuña un perigo para o resto de usuarios e usuarias da estrada.

Foi entón cando lle deron o alto, pero este, lonxe de deterse, acelerou a marcha e iniciou unha fuxida que finalizou ao perder o control do vehículo, impactando contra un dos muros da igrexa de Santa Eulalia de Liáns, sendo de inmediato detido polos axentes.