Detido un veciño de Culleredo por esparexer gas pementa dentro dun autobús

A Garda Civil detivo un veciño de Culleredo (comarca da Coruña) como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria e outro de lesións, por esparexer gas pementa no interior dun autobús o pasado 24 de abril. Segundo informa o Instituto Armado, ocorreu nun autocar que cubría a liña A Coruña-Carral e o condutor viuse obrigado a deter a marcha e desaloxar os viaxeiros en Vilaboa. Algúns deles, de feito, sufriron lesións leves e precisaron asistencia sanitaria por irritación de ollos e gorxa. Dado que o autor dos feitos fuxiu ante a inminente chegada da Policía Local de Culleredo, a Garda Civil iniciou unha investigación para identificalo. A través de recoñecementos practicados a testemuñas prexudicadas, o Instituto Armado conseguiu dar co responsábel.
Gas pementa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gas pementa. (Foto: Nós Diario)
Comentarios