Volven aumentar os casos activos de coronavirus na Galiza

Cola para facer probas de Covid na Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Perto de 60% do total, 256,  rexístranse na área sanitaria de Lugo-A Mariña.

O brote da Mariña continúa a deixar pegada nos casos activos de Covid-19 que se rexistran na Galiza e que volveron a aumentar até situarse en 256, dous máis que na xornada de onte. Dese total, 151 pertencen á área sanitaria de Lugo-A Mariña, ou sexa, 60% do total de casos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na galiza é de 256,.

Deles 24 son da área da Coruña, 151 da de Lugo, 3 da de Ourense, 3 da de Pontevedra, 60 da área de Vigo, 13 da de Santiago, e 2 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 249 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.817 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 201.666. En canto a residencias, mantense un único caso activo, que afecta un traballador. Faleceron 274 residentes durante a pandemia.

A Mariña

A Consellería de Sanidade informa que, segundo as probas realizadas até a mañá desta terza feira, confírmanse outros 3 casos positivos de persoas afectadas por Covid-19 no brote da Mariña, o que elevaría a 131 o número total de casos detectados pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Sen embargo, dez persoas xa están curadas e foron dadas de alta, o que implica que o número de casos activos de covid-19 nestes momentos na comarca de A Mariña é de 121.