Volven as festas: cal será a primeira á que vaias?

O Arde Lucus podería volver neste 2021, aínda que non no seu formato convencional. (Foto: Concello de Lugo).
A Romería Viquinga de Catoira, a Festa da Istoria de Ribadavia ou o Arde Lucus son algunhas das opcións prediletas dos e das galegas. 

O titular de Cultura, Román Rodríguez, explicou que a Xunta está a traballar no regreso das festas e das verbenas, reconfiguradas como eventos de até 1.000 persoas de pé 10.000 sentadas en recintos de gran tamaño, en ambos casos sempre coa máscara posta en todo momento e levando conta dun rexistro de asistentes.

Ante este novo escenario, moitas persoas comezaron a pensar en cal será a primeira festa á que acuda nun período de dous anos. Mais, cales son as festas favoritas dos galegos e das galegas? Estas son só algunhas das máis populares:

Romería Viquinga de Catoira (1 de agosto). 

O pobo viquingo leva desde 2019 agardando por este momento, que está cada vez máis próximo. Tanto é así que o Concello xa traballa na reparación do casco do drakkar Torres de Oeste

Festa da Istoria de Ribadavia (27-28 de agosto)

Suspendida en 2020, a organización xa dá por imposíbel que se repitan as tradicionais estampas nas que se congregan varios miles de persoas nas rúas de Ribadavia, mais non descartan desenvolver actividades con aforo limitado e respectando unhas estritas normas sanitarias

Arde Lucus de Lugo (17-20 de xuño)

Polo de agora, o Concello di que a programación depende da evolución da pandemia, pois sinalan que "esta edición, na que cumprimos 20 anos, debe ser ante todo segura", mais confirman que repetirán parte das actividades virtuais que se desenvolveron durante o ano 2020. 

Festas de María Pita da Coruña (Tres primeiras semanas de agosto)

O aumento de casos producidos na cidade herculina logo do 'Caso Fuenlabrada' obrigou á suspensión das festas de 2020, polo que a cidadanía coruñesa agarda que este verán, aínda que sexa condicionadas pola pandemia, poidan volver gozar dunhas festas que sempre atraían a atención de miles de turistas.

Festas da Peregrina de Pontevedra (segunda semana de agosto)

O Concello de Pontevedra configurou unhas festas da Peregrina "descentralizadas", cunha programación cultural que se estende até o mes de setembro, mais xa avisou de que as medidas de seguridade non serán moi diferentes das estabelecidas para a súa edición do pasado ano 2020. Ademais, polo de agora descartan a presenza das tradicionais atraccións de feira.