Volve a 'raíña das festas' a Lourenzá e Burela

[Imaxe Concello de Benifaió, Valencia]

Senllos concursos, que fan parte dos festexos locais, foron denunciados desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade e o BNG por "perpetuar unha visión machista do mundo". 

 

Após unha década sen convocar o concurso Burela volverá a elixir 'raíña' con motivo das festas patronais. A última vez en que a comisión organizou este evento foi no 2006. E non é a única localidade mariñá que desenvolverá tal actividade no seu programa. Tamén a vila de Lourenzá o convoca, desta volta baixo o nome da Magdalena. 

As críticas non se fixeron agardar. Desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade amosaron o seu rexeitamento a senllos concursos polos consideraren "exemplos de micromachismos". Isto é, "pequenos xestos de aparencia inofensiva que en realidade están a perpetuar unha visión do mundo machista" ao "cousificar o corpo das mulleres e das nenas". 

Observatorio da Mariña pola Igualdade: "Resulta preocupante a temperá idade á que comezan estes certames"

E é que, tanto Lourenzá como Burela lanzaron a convocatoria dirixida a mozas entre os 10 e os 17 anos de idade, e os 7-8 e 17-25, respectivamente. "Resulta preocupante a temperá idade á que comezan estes certames, por canto se interiorizan uns certos patróns de xénero e de beleza nas mozas desde a infancia", apuntan desde o Observatorio pola Igualdade ao tempo que lembran os "numerosos traballos" que "demostran" como este tipo de eventos "resultan perniciosos para a imaxe e o autoconcepto das mulleres", a comezar por O mito da beleza de Naomi Wolf (1978). 

Aliás, acrecentan, son actos "discriminatorios" para "aquelas mulleres/nenas cuxas características físicas non casan do canon de beleza dominante, ou con aqueloutras que non dispoñen dos recursos económicos para facerlle fronte aos gastos que a confección dos traxes". 

Da mesma maneira, desde o grupo municipal do BNG de Burela convidaron a Alcaldía e a Concellaría de Igualdade burelás a "rectificar" no seu apoio ao devandito evento pois, din, "non se trata de volver á Burela de 2006, senón dun retroceso a outra época". 

BNG de Burela: "Custa entender como en pleno século XXI aínda poida haber iniciativas deste tipo"

"Custa entender como en pleno século XXI aínda poida haber iniciativas deste tipo, que reproducen roles de xénero e un canon de beleza dominante e excluínte, que en nada beneficia ao conxunto das mulleres nin contribúe a termos unha sociedade máis igualitaria e integradora", sinalan nun comunicado de imprensa. “As administracións públicas", defenderon, "deben ser as primeiras en desenvolver políticas de igualdade entre mulleres e homes e promover aquelas iniciativas sociais que teñan a muller como suxeito e non como obxecto”. Unha demanda á que se sumaron tamén desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade. 

No ano 2012 os concellos de Sarria e Betanzos convocaran tamén senllos actos para elixir a 'raíña das festas' coincidindo coa festividade local. No caso da vila sarriá o goberno municipal tivo que recuar perante as denuncias que carrexou un concurso "sexista" e "anacrónico".