XI Limpeza simultánea de ríos

Voluntariado retira dos ríos galegos 6 toneladas de refugallos

Proxecto Ríos

548 persoas participaron nesta nova edición do Proxecto Ríos

 

A XI edición da Limpeza Simultánea dos ríos galegos mobilizou 548 persoas que retiraron en ríos de 53 concellos de diferentes partes de Galiza 6 toneladas de refugallos. “Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores. Limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos, pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados”, sinalan desde a organización da iniciativa, Proxecto Ríos.

 

Recolléronse refugallos de todo tipo, abundando os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...). Apareceron tamén rodas de automóbiles, cristais, unha cadeira de escritorio, unha colchoneta de praia, plásticos de silo, cascallos, ferralla, pilas, electrodomésticos, un sofá, uralitas. As toalliñas húmidas volveu ser do lixo máis abundante.