Voluntariado desenvolverá labores de restauración hidrolóxica e ecolóxica en zonas queimadas en Valdeorras

María González Albert, Froilán Pallín, Aurentino Alonso, Enrique Álvarez e Miguel Ángel García. (Foto: Nós Diario)
Adega impulsa desde esta sexta feira e até o domingo unha acción simultánea de restauración ambiental en zonas arrasadas polo lume na comarca de Valdeorras. Máis de 70 persoas voluntarias intervirán en cinco áreas de traballo nos concellos da Rúa, Vilamartín, O Barco e A Veiga.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, presentou esta quinta feira no Barco de Valdeorras o programa do Campo de Voluntariado Ambiental que a entidade desenvolverá desde esta tarde e até o domingo na comarca; en concreto, en zonas queimadas polos incendios forestais que afectaron a zona este verán. Durante dous días desenvolverá labores de restauración hidrolóxica e ecolóxica das terras arrasadas polo lume, con especial atención á preservación das traídas e captacións de auga destinada á poboación.

Voluntariado ambiental

A actividade está organizada por Adega e conta coa colaboración dos concellos da Rúa, Petín, O Barco, Vilamartín e O Bolo; tras rexeitaren a Xunta e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil o ofrecemento da entidade ecoloxista. "A Xunta xa non nos escoitou e o proxecto que lle presentamos á Confederación, para seis meses, tampouco foi adiante, así que chegamos a un acordo de colaboración con estes cinco concellos para unha primeira intervención, a máis urxente, co voluntariado de Adega" e que chegou a contar cunha base de máis de 700 persoas, precisou a Nós Diario Froilán Pallín, secretario xeral da organización.

Con esta iniciativa, sinalou, pretenden reclamar a atención da Xunta, das confederacións hidrográficas e das deputacións, para que "asuman as súas competencias e responsabilidades e colaboren de forma coordinada na resolución dos gravísimos problemas sociais, económicos e ambientais que os incendios forestais deixaron tras de si".

Pallín reivindicou un voluntariado en defensa do monte galego xestionado de forma conxunta e coordinada polas diferentes administracións, un voluntariado que actúe durante "todo o ano contra os lumes forestais" realizando traballos de seguimento, vixilancia, prevención e concienciación.

Segundo lembrou, Adega foi pioneira na organización e xestión de voluntariado galego en defensa dos montes após a vaga de incendios de 2006. Agora pon a disposición das poboacións afectadas aquela experiencia e todos os recursos humanos e técnicos ao seu alcance.

En colaboración con persoal dos concellos e especialistas en materia de restauración medioambiental, identificou as zonas a onde acudirá o voluntariado en grupos de até 15 persoas, zonas próximas a cursos de auga, de difícil acceso e con importantes pendentes, que son as de maior risco de erosión e perda de solo.

Adega pon o material de traballo, a loxística máis a coordinación técnica mentres os concellos colaboran co aloxamento e a manutención dos equipos que actuarán nos montes queimados dos que dependen as captacións das Arcas, que dan auga a Petín e A Rúa; na contorna do rego de Fontei, na Rúa; nas ladeiras do río Leira en Vilamartín, totalmente arrasadas, e na Lomba de Peniguillón, ao carón da captación de augas da Forcadela do Barco de Valdeorras. Ademais tratarán de frear a erosión das ladeiras do Diluvio, no val do río Xares, en Pena Trevinca (A Veiga). Máis adiante, Adega espera chegar até o teixadal de Casaio, en Carballeda, onde aínda non se desenvolveu ningunha acción.