Que voltem! pide "respecto" aos dereitos fundamentais de Heitor Naia

[Imaxe GzContrainfo]

O colectivo de amizades e familiares d@s pres@s independentistas exixe o seu traslado a Galiza e a derrogación da "xurisdición excepcional" da Audiencia Nacional española.

 

Após a detención de Heitor Naia no aeroporto Sá Carneiro (Porto) o 11 de marzo, o colectivo Que voltem para a casa! emitiu un comunicado de imprensa logo de se comunicaren con el e "constatar que está animado e que non está a recibir mal trato por parte da policía lusa", sinalan. 

No texto, o colectivo de amizades e familiares de pres@s independentistas exixen o "escrupuloso respecto dos dereitos fundamentais" de Naia e o seu "traslado" a unha cadea galega "igual que todos os presos e presas" para cumpriren as súas condenas. Desde Que voltem! demandan, así, o fin da dispersión unha medida que tildan de "ilegal" ao contravir a propia lexislación española na materia. 

Así mesmo, demandan a "derrogación da lexislación de excepción" en referencia á lei antiterrorista, "impropia dun estado democrático". Desde Que voltem! visan con esta demanda "evitar o uso sistemático da prisión preventiva do 1º grao penal" e do "réxime" de illamento FIES. 

11 anos de cadea

Heitor Naia foi condenado pola Audiencia Nacional española a 11 de prisión por un delito de colaboración con "organización armada" e "danos con finalidade terrorista". Que voltem! lembrou no seu comunicado que consideran a pena "desproporcionada" ao tempo que denuncian "irregularidades" e "violacións" dos dereitos fundamentais de Naia durante o proceso xudicial. 

Naia non terá que cumprir o ano de prisión ao que foi condenado en Portugal

Aliás, entenden que a súa condena foi sustentada "unicamente" na declaración doutro dos independentistas xulgados, X.R.O, un testemuño din, obtido "a cambio de certos beneficios penitenciarios". 

Heitor Naia atópase detido en Portugal á espera de ser extraditado ao Estado español. No país veciño foi condenado a 1 ano de privación de liberdade por un delito de falsidade documental. Pena que, no entanto, foi suspendida e non deberá cumprir após os 11 anos nunha cadea española.