Grupos soberanistas e da esquerda no Congreso asumen o traslado a Galiza dos presos independentistas

Imaxe da reunión co grupo de En Marea.

Unha delegación da plataforma Que Voltem para a Casa mantivo esta semana encontros en Madrid con representantes de En Marea, ERC, PNV, Bildu e Compromís para pedir apoio para o achegamento a Galiza dos presos independentistas así como a fin da "excepcionalidade" nos seus graos penitenciarios. “Saimos con bos sinais destas xuntanzas”, confesa Cristina Rodríguez, de Que Voltem.

Unha delegación de ‘Que Voltem para a casa’, a plataforma de amigos e familiares dos presos independentistas galegos, reuniuse esta semana en Madrid con representantes de diferentes grupos parlamentares no Congreso español. Cristina Rodríguez e Jessica Rodríguez mantiveron xuntanzas con representantes de En Marea (Alexandra Fernández e Fernán Vello), ERC (Gabriel Rufián), Bildu (Oskar Matute), PNV e Compromís; reunións nas que lles expuxeron a situación dos presos independentistas e nomeadamente daqueles dereitos que etenden que están a ser concultados, como o seu traslado a Galiza ou a progresión de grao penitenciario.

 

“desde Gabriel Rufián até Alexandra Fernández ou Oskar Matute, comprometéronse a axudar para acabar coa excepcionalidade na que están os presos independentistas”

 

“O contexto político semella ser un pouquiño máis favorábel, trasladáronse os presos cataláns a Catalunya, fálase de achegar os presos vascos a Euskal Herria… Así que dixemos: agora ou nunca”. Cristina Rodríguez conta como decidiron dar o salto a Madrid para levar ao corazón simbólico da política española, o Congreso, os dereitos dos presos independentistas. Un salto no que, inciden, tiveron a axuda de colectivos como Esculca e de persoas como a deputada Alexandra Fenández.

 

“A receptividade por parte de todos os grupos cos que nos reunimos foi moi boa”, afirma Fernández, “comprenderon que as demandas que lles expuxemos”. Tamén houbo contactos con deputados do PSOE mais a título individual.

 

Paso a paso

 

Sobre a mesa, dúas peticións: que se traslade os presos independentistas a Galiza – na actualidade ningún deles cumpre as penas en prisións galegas- para acabar así coa dispersión que castiga a eles mais tamén a familiares e amizades.

 

“O contexto político semella ser un pouquiño máis favorábel, trasladouse aos presos cataláns a Catalunya, fálase do traslado dos presos vascos… Así que dixemos: agora ou nunca”

 

A segunda, a progresión no grao penitenciario. Dous dos presos independentistas, Eduardo Vigo e Roberto R. Fialhega ‘Teto’, están sometidos ao grao 1. Este grao implica 20 horas encerrado na cela, trabas para realizar calquera tipo de actividade, dificultades para cursar estudos académicos, intervención das comunicacións… , “Unha prisión dentro da prisión”, resume Cristina. Embora ser unha medida transitoria e provisional que se ten que revisar cada tres meses, presos independentistas galegos lévana sufrindo desde que entraron en cadea, a finais de 2011.

 

Que Voltem confía en que a receptividade dos grupos parlamentares se poida traducir e concretar en medidas que permitan facer efectivas estas demandas. Cristina Rodríguez lembra que hai meses mantiveran reunións con diferentes grupos no Parlamento galego: “Co PSdeG non foi posíbel mais si que mantivemos xuntanzas con BNG, En Marea e PP”. Procurábase unha declaración institucional unánime do Parlamento a favor do achegamento dos presos a Galiza mais finalmente non puido ser. Desde Que Voltem non perden nin os ánimos nin os folgos. Xa están a traballar  nun completo dossier con toda a información necesaria para que serva de base a novas propostas e movementos para lograr que “se acabe a situación de excepcionalidade dos independentistas presos e que se respecten e cumpran os seus dereitos”, finaliza a portavoz da plataforma.