Voltará o sol á Galiza... mais só até a terza feira
Un anticiclón traerá o bo tempo a partir desta sexta feira
O anticiclón dos Azores instaurarase "con forza" na Galiza desde esta sexta feira e deixará tempo seco e ceos abertos, polo menos, até a terza feira. Este escenario meteorolóxico traerá o sol de volta e porá fin ao tren de borrascas que ocasionaron choivas persistentes e importantes incidencias durante todo o mes de xaneiro e boa parte de febreiro.
A xornada desta cuarta feira aínda estará marcada por unha choiva intensa e refachos fortes de vento asociadas á borrasca Pedro. "A partir da quinta feira, imos ir quedando influenciados polo anticiclón dos Azores. Podemos ter algún chuvasco pola mañá, pero xa teremos unha serán de tempo seco", explicou Joel Cid, meteorólogo en Meteogaliza.
Será na sexta feira cando o anticiclón se fará notar "con forza", o que se traducirá en tempo seco en toda Galiza e en ceos abertos. Tamén ocasionará néboas en comarcas do interior, que localmente poden ser persistentes e que afectarán especialmente os vales do Miño e do Sil.
En canto ás temperaturas, fará frío pola noite e nas primeiras horas da mañá, coa probabilidade de xeadas. As máximas estarán en ascenso e esta fin de semana poden achegarse mesmo aos 20 ºC ou superalos; sobre todo, nas Rías Baixas, aínda que tamén noutra zonas do litoral e, puntualmente, algunha do interior.
Meteogaliza marcou a terza feira como "día de corte": "O anticiclón durará como mínimo até ese día". Para entón espérase unha pequena valgada e, a última hora, algunha precipitación. Con todo, Cid matizou que, a unha semana vista, aínda é pronto para dar unha predición detallada e precisa.