Temporal: ‘Pedro’ deixa refachos de vento de máis de 150 km/h e voos cancelados
No concello de Lousame (comarca de Noia) rexistráronse precipitacións de 47,2 litros por metro cadrado.
O temporal Pedro deixou refachos de vento na Galiza superiores aos 150 quilómetros por hora e fixo que varias cidades fechasen os seus parques públicos e até tres voos con destino Santiago e A Coruña tivesen que ser desviados durante esta xornada.
Segundo os datos recolleitos por Meteogaliza, O Xistral, na localidade de Muras (A Terra Chá), rexistrou refachos de vento que alcanzaron os 154,6 km/h. Tamén en Vimianzo (Terra de Soneira) notificáronse refachos de até 142,8 km/ h e en Ortigueira (Ortegal) de 124,5 km/h.
En canto ás choivas, no concello de Lousame (comarca de Noia) rexistráronse precipitacións de 47,2 litros por metro cadrado, mentres que en Santa Comba (Xallas) a cifra situouse en 43,8 l/m2 e en Cuntis (comarca de Caldas), 39,6 l/m2.
Esta situación levou a varios concellos a decretar o feche dos seus parques. Foi o caso do Concello de Lugo, A Coruña, Santiago de Compostela ou Vigo.
Transportes cancelados
Ademais, as malas condicións meteorolóxicas fixeron que dous voos que se dirixían ao Aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro tivesen que ser desviados, así como outro con destino ao Aeroporto da Coruña.
En concreto, un voo de Ryanair que cubría o roteiro Valencia-Santiago, desviouse a Madrid e un voo de Vueling, que cubría o roteiro Gran Canario-Santiago, desviouse ao Aeroporto de Asturias.
Aliás, un voo de Iberia que facía o traxecto Madrid-A Coruña desviouse ao Aeroporto de Santiago de Compostela.
Doutra banda, durante a mañá desta cuarta feira tamén se suspendeu o transporte de ría entre Moaña, Cangas e Vigo, pero foi restablecido a partir das 13 horas.