A volta ao horario de inverno esperta o debate: debe Galiza cambiar a hora?

Reloxo.

Na madrugada do próximo domingo, 25 de outubro, concluirá o horario de verán, de maneira que ás 3 horas pasarán a ser ás 2 horas. Unha mudanza que volve pór de actualidade o debate sobre o fuso horario desfasado na Galiza.

De acordo coa Directiva Europea do Cambio de Hora que se aplica en todos os Estados da UE, na madrugada do próximo domingo, 25 de outubro, finalizará o horario de verán e comezará o de inverno. Ás 3 horas atrásense os reloxos e de novo volverán marcar as 2 horas.

O Estado español xeograficamente está situado no uso GMT+1 coincidindo coa maior parte de Europa, excepto co Reino Unido, Irlanda e Portugal, que se manteñen no GMT+0. Esta adscrición de fuso é a que marca desde 1940 a hora oficial estatal, adiantada en 60 minutos á hora universal.

Galiza, moi desfasada

A metade máis occidental da Galiza, que se atopa no fuso GMT-1, hai un gran desacordo, o máximo en Europa, entre a hora solar local e a hora oficial.

Co horario de verán, nalgún concello galego a diferenza entre o mediodía solar verdadeiro e as 12 horas oficiais chega a exceder os 160 minutos. Só o oeste da China supera o desfase horario que sofre Galiza.

O horario de inverno supón na Galiza practicamente unha hora e media de desfase tendo en conta que o mediodía solar, aquel onde o sol se atopa a unha maior altura, cae perto das 13.30 horas. No verán, Galiza conta con até 15 horas de luz solar, en tanto que no inverno ten 9.

Isto ten provocado un intenso debate sobre o cambio horario na Galiza. O físico e profesor da USC Jorge Mira advirte de que non existen fusos correctos e fusos incorrectos, pois os números que se lles dan aos “eventos solares” carecen de relevancia. “É como se temos un termómetro en escala Celsius e outro en Fahrenheit, o Celsius pode marcar 100 e o Fahrenheit, 212. O de 212 non está máis quente que o de 100”, explica, de maneira pedagóxica.

O membro da Asociación Astronómica Ío Martin Pawley defende un horario diferente ao do Estado español para a Galiza. Sinala que non sería "trauma administrativo ningún". Exemplifícao cos casos de Australia, Brasil, EUA, Canadá, México, Indonesia ou Rusia, con diferentes horas civís en distintas partes do seu territorio.

Hai realmente aforro?

Unha das caras visíbeis que leva defendendo desde o ano 1989, primeiro desde o ecoloxismo e despois desde o BNG, o cambio de fuso horario na Galiza, Lito Prado, tira dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) para sinalar que os cambios estacionais supoñen un aforro enerxético, no Estado español, de entre un 5 e un 7%; en Barcelona dun 7% e na Galiza só dun 2%. En París, engade, entre un 13 e un 14%.

O cambio de hora empezou a xeneralizarse a partir de 1974, cando a primeira crise do petróleo. Daquela algúns países decidiron adiantar o reloxo para aproveitar mellor a luz do sol e consumir así menos electricidade en iluminación. Aplícase como directiva desde 1981 e foi renovada sucesivamente cada catro anos. Aínda que, desde a aprobación da Novena Directiva polo Parlamento Europeo e do Consello da Unión en xaneiro de 2001, o cambio aplícase con carácter indefinido.

A decisión da mudanza horaria, para 2021

A pesar de recibir 384 votos en contra e tan só 153 a favor, o Parlamento Europeo comprometeuse a estudar a viabilidade do cambio de hora e abriu unha consulta pública, na que máis do 80% dos 4,6 millóns de cidadáns que participaron, mostráronse a favor de acabar cos cambios de hora.

Aínda que a Comisión Europea aprobou a eliminación do cambio de horario, en marzo deste ano a comisión de Transporte e Turismo do Parlamento Europeo apostou por atrasar até o ano 2021 a eliminación do cambio de hora bianual proposto pola Comisión Europea para abril deste ano, co fin de que os países tivesen máis tempo para decidir se o país queda co horario de verán ou o de inverno. Portugal xa decidiu que continuará co cambio de hora estacional.

No Estado español, o Executivo creou unha comisión de 14 'sabios', entre os que se atopan o profesor galego da USC Jorge Mira, para determinar a conveniencia ou non de eliminar o cambio de hora estacional e, en caso de decisión afirmativa, decidir que horario era máis adecuado, o de verán ou o de inverno.

En marzo do ano pasado, esta comisión presentou un informe no que non chegou a ningunha "resolución concluínte", tendo en conta a "gran cantidade de repercusións de impacto" que ten esta medida en campos como o económico ou o cultural.