Volta ás aulas entre o “inmobilismo” da Consellaría e as “arelas” de cambio

Protesta de familias en Cervo no inicio do curso por estar en obras. Foto: BNG Cervo
O 11 de setembro regresaron ás aulas 30.101 docentes e 196.900 nenas e nenos de Educación Especial, Infantil e Primaria, o que representa 600 escolares menos que o ano pasado. Entre os retos fundamentais que terán que afrontar educadores e pais están as obras sen finalizar nos seus colexios, o continuo goteo de peches de unitarias, a falta de diálogo e apoio desde a administración, o aumento dos rateos ou a suba dos prezos de libros e material escolar. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza.

“Temos un Goberno do Partido Popular e non haberá cambio ningún”. Así de contundente fala Suso Bermello, secretario nacional de CIG‑Ensino, o sindicato maioritario no sector, cando se lle pregunta sobre a posibilidade de que a Xunta escoite as demandas de familias e profesorado de cara ao curso académico 2019/20. “Haberá eleccións autonómicas en outono e logo xa se verá o que pasa, pero hoxe atopámonos cunha Consellaría de Educación caracterizada polo inmobilismo absoluto e oposta a calquera tipo de negociación”, lamenta Bermello, nun discurso que comparten tamén os representantes doutras centrais sindicais como CC. OO. e ANPE.

Polo tanto, cabe agardar que, outro ano máis, as “arelas” de cambio sigan sen ser satisfeitas. Entre o colectivo dos educadores a principal é a aplicación da Lei 4/2019 de Mellora das condicións para o desenvolvemento da docencia e o ensino, na que se lles recomenda ás Comunidades Autónomas que o persoal docente imparta “un máximo de 23 horas nos centros de Infantil, Primaria e Especial, e 18 no resto de centros”, algo que xa se está a facer noutros lugares como Estremadura, mais non na Galiza, como explican desde a CIG: “Menos horas de docencia implica ter máis horas de planificación pedagóxica e un profesorado con mellores condicións, pero aquí a Consellaría ampárase nun acordo PP‑PSOE no Senado que di que sen financiamento específico do Estado non se pode facer, e iso é tomar por parva a xente”. 

Reforzar os cadros de persoal é outra das esixencias máis recorrentes, mais a Xunta fai exactamente o contrario. Este curso haberá 62 mestres menos que no anterior, o que se traduce nun descenso da calidade educativa polo seu desprazamento a outros colexios –”aos que se incorporan o mesmo día que chegan os nenos”, apunta o sindicato FETE‑UGT–, e o despedimento de persoal en situación de interinidade. Ana, unha mestra e activista educativa da área de Vigo que nos últimos tempos vén exercendo como interina, polo que prefire falar baixo pseudónimo por temor a  represalias, sente que non coñece “nin os centros nin as familias” coas que traballa, debido á “falta de estabilidade” e á itinerancia que a levou a percorrer “Galiza enteira, desde escolas unitarias até centros nas grandes capitais”, o que fai imposíbel “esa conciliación da vida familiar e laboral coa que tanto enchen a boca Feixoo e Carmen Pomar [conselleira de Educación]”.

A consecuencia do anterior agrávase o problema dos rateos –número máximo de alumnos por aula, que con moita frecuencia implica cifras por riba dos 25 en Primaria e 30 en Secundaria– e das materias afíns. Isto significa que seguirá a haber unha importante porcentaxe de profesorado que ten que impartir materias, sobre todo en Secundaria, das que non son nin especialistas nin próximos.

[Podes ler a peza íntegra no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]