Voces arredor da polémica do Códice

Interior da catedral de Santiago
A cidadanía compostelá pronúnciase arredor do escándalo que atinxe a Igrexa.

 

O episodio do roubo do Códice Calixtino semella non ter esgotado inda a súa capacidade para producir titulares nos medios. A polémica atinxiu a Igrexa após o autor confeso do roubo do valiosísimo documento 

do século XII, José Manuel Fernández Castiñeiras, denunciar nos pasados días nos xulgados que tiña coñecemento da existencia de roubos e de prácticas sexuais no interior da Catedral por parte dos clérigos. Sermos Galiza, que no seu semanario en papel publicado esta sexta feira dedica unha reportaxe a este asunto, saíu ás rúas de Compostela para coñecer a opinión d@s súas cidadás e cidadáns.

Dende a praza da Quintana, Lola mantén que “non hai dúbida” de que o que di o electricista sexa certo porque non o ve quen “de trazar tal estratexia el só”. “A Igrexa, historicamente, caracterizouse pola súa dupla moral; dunha banda, maniféstanse na contra dos anticonceptivos e do aborto e, de outra, resérvasen eses dereitos para os seus membros”, reflexiona. Canto ás declaracións que o xuíz instrutor do caso, Jose Antonio Vázquez Taín, fixo a Sermos Galiza, nas que mantiña que non ía investigar as declaracións do electricista porque non vía “indicio de delito”, a entrevistada observa: “Se ese señor [polo xuíz] no canto do estar aplicando o código penal estivese aplicando a lei antiterrorista, teño a certeza de que xa habería tres ou catro detidos en Alcalá Meco; volvemos ao tema do duplo raseiro do poder”, formula. Pola súa banda, José Manuel, 63 anos de idade, dinos desde a Porta do Camiño que “de seguro, había curas implicados tanto no tema dos roubos coma no outro asunto [en relación ao sexo]; é ben sabido que non respectan o celibato e non me estraña que alí todos meteran a man porque non había control dos cartos”, engade.

“É ben sabido que non respeitan o celibato e non me estrañan que meteran a man porque alí non hai control ningún dos cartos”

 

Outr@s, no entanto, coma Aroa González manteñen que a denuncia é “unha táctica do electricista para desviar a atención ou unha maneira de escusarse inculpando os demais”. Para Fernando Carajaville, alias Zeke, que pasea seus cans pola zona vella “todo apunta a ser unha vinganza” .

Nesta mesma liña, Alba Souto encadra este escándalo á beira dos demais casos de corrupción que asolagan o país e os medios de comunicación nos últimos tempos. Amais, razoa que “nunha institución coma a Igrexa na que se manexan tantos cartos, non é nada estraño que alguén roube”. Pola súa banda, un rapaz sentado na Praza de Cervantes que non quixo identificarse cualificou todo o asunto do Códice como “unha estratexia de marketing”. “Se sabían dende un principio quen fora o autor do roubo, se foron alargando o proceso, foi para espremelo o máximo posíbel e, así, marcaron os tempos das noticias durante todo o tempo que o Códice estivo desaparecido”. A estratexia deu os seus froitos, “dada a percusión internacional que tivo o suceso”, defende., di, “Castiñeiras non puido roubar o Códice por motivos económicos, porque non ía atopar maneira de vendelo”. Canto o tema do sexo, Zeke confesa que non lle sorprende porque un amigo seu seminarista xa lle tiña comentado “a normalidade” destas prácticas sexuais no interior do seminario compostelá.