Máis

Vixías de Prior e Frouxeira

O faro de Punta Frouxeira, en Valdoviño (Ferrolterra), ten pouco máis de 30 anos de antigüidade.
Faros en antigos lugares de defensa.

As vertixinosas costas de Ferrolterra sempre foron a fonte de moitos problemas nas embarcacións que navegaban perto deste litoral. Na parroquia de Covas, en Ferrol, na península de Cabo Prior, inaugurouse o 1 de marzo de 1853 un faro necesario para a seguridade da mobilidade no mar. Esta edificación, dotada de vivenda para o fareiro, orixinalmente tiña unha base octogonal que foi mudando de morfoloxía até a que goza na actualidade, en forma de ‘u’. Tamén, a capacidade luminaria mellorou coa electrificación en 1974, e deixou de ter o seu sinal acústico no ano 1993. Non é posíbel entrar no seu interior pero, a súa crebada contorna, de alongadas baixadas até o mar, forma un conxunto paisaxístico e cheo de biodiversidade que, cada vez máis, é visitado, especialmente polos peregrinos e peregrinas do Camiño Inglés. Aínda que a beleza do lugar invita a achegarse a todos seus recunchos, a proximidade do mar e os fortes ventos litorais poden xogar unha mala experiencia, polo que se recomenda moita precaución nas antigas instalacións militares e, especialmente, nas escaleiras que descenden ás ondas do mar.

O outro protagonista é o faro de Punta Frouxeira, no concello de Valdoviño. Foi posto en marcha no ano 1994 e foi un dos pioneiros na monitorización dos seus servizos. De estilo vangardista, ten as cores azul e branca, as mesmas que ten a Capela da Virxe do Porto, moi perto de alí. Foi construído pola necesidade de erguer un faro entre Cabo Prior e Cedeira. As súas luzadas chegan até as 20 millas e a súa torre elévase 47 metros de altitude. O seu deseño orixinal, acristalado polas súas tres caras, tivo que mudar porque a chuvia entraba no recinto. En 2012, foi o primeiro faro da Galiza con luz LED na súa lámpada. A paisaxe da súa contorna, típica do litoral galego, é unha mestura de silveiras e conxuntos de flores atlánticas que se atopan no alto dos perigosos cantís ao redor do faro.

Desde aquí, pódese gozar da vista de Valdoviño, o seu areal, a súa praia e a súa lagoa. Iso si, coidado cos temporais. A veciñanza fala das alentías, ondas fortes e moi perigosas que entran nas antigas galerías baixo o faro e levan todo por diante.