Mayka Cacheiro: "Vivir no rural supón un custo e unha perda de dereitos e de garantías"

Un documental de Xarda Sociedade Cooperativa Galega trata o desmantelamento da sanidade pública, nomeadamente da Atención Primaria, no rural.

O desmantelamento da sanidade pública, sobre todo da Atención Primaria, é o albo dun documental que pon o foco nos problemas do rural. Afonda nos casos de Outes, A Baña, Baio, Mazaricos e Fisterra.

Varias médicas, usuarias e activistas falan sobre a realidade da sanidade no rural, os problemas que se atopan e as poucas intencións que parece haber por parte da administración para devolver un servizo que debería estar garantido.

Participan no audiovisual Xosé Dios, da Asociación Galega pola Defensa da Sanidade Pública; Vanessa Viquendi de Pediatras e Matronas Xa; as médicas Alicia Barreiro e Xoán Casas e a activista Mayka Cacheiro.

As principais reivindicacións

O audiovisual céntrase en catro puntos principais de reivindicación: falta de recursos humanos, fechamentos de servizos como o de pediatría, aumento das consultas telefónicas e a falta de transporte público que conecte as persoas cos seus centros de saúde.

Tamén recolle críticas cara á nova reforma da Lei de Saúde e a perda dunha sanidade baseada na prevención ao tempo que se afonda nun modelo 'hospitalcentrista'.

“Asentarse no rural é moi difícil, queda moi bonito nun spot publicitario, pero no momento que faltan todos os servizos pois evidentemente a xente nova pensa se vir. Porque vivir no rural supón un custo é unha perda de dereitos e de garantías”, afirma Mayka Cacheiro, unha das entrevistadas.

O proxecto “Lugar de” está realizado pola cooperativa Xarda e está apoiado pola Deputación da Coruña.