Vivir fóra de hora na Galiza en 2016 porque Franco quixo agradar a Hitler en 1940

Unha decisión do ditador para agradar a Hitler sacou o Estado español do horario que lle correspondía, prexudicando especialmente o noso país, ao que lle acae un fuso diferente do español. Porén, o presidente galego defende o fuso actual co argumento de que el é "español, non portugés"

O Parlamento balear aprobou esta semana unha declaración institucional na que pedían ao goberno central que este domingo non se retrase a hora no arquipélago e poida manter o horario de verán. A solicitude dos baleares non suscitou risos nin burla. Como tampouco suscitou risos ou burlas o debate sobre os fusos horarios que se deu en 2013 no Congreso. O tema xa estaba -máis menos que máis, pero estaba- na axenda do debate político. O debate sobre o cambio horario comezou en 2006 e da man do BNG, e daquela si que xerou risos e burlas de medios de comunicación e partidos políticos estatais. O ano pasado desde Sermos Galiza falamos con Lito Prado, ecoloxista, activista e militante de Anova. Mais Prado, en 2006, militaba no BNG e foi o responsábel da emenda aprobada pola Asemblea Nacional da fronte naquel ano na que se reclamaba un cambio horario para Galiza. Lembraba que o BNG “foi a única organización” que levou este tema máis dunha vez ás Cortes españolas, “marcando tendencia, abrindo un debate ao que posteriormente se sumaron moitos no Estado”.

Feijóo, sobre o cambio de hora: "Eu non son portugués, son español"

Historia

A finais do século XIX era palpábel a necesidade de 'estandarizar' a hora civil e a hora solar. O enxeñeiro escocés Sanford Fleming propuxo a idea dun sistema de 24 fusos horarios. Na Conferencia Internacional do Meridiano (Washington, 1884), os 25 estados asistentes decidiron que Greenwich sería o Meridiano Cero, servindo para estabelecer todas as horas do planeta. Asignóuselle a Greenwich o fuso horario cero, GMT (tempo medio de Greenwich) desde a que se suman horas en dirección leste e oeste.

O Estado español adoptou o horario de Greenwich até 1940. Finalizada a Guerra Civil con vitoria franquista e cunha II Guerra Mundial na que, nesa altura, Alemaña avanzaba imparábel, Franco decidíu satisfacer a Hitler e acordou que se ía aplicar a hora de Berlín, a capital xermana. Desta maneira o Estado Español deixou de ter o horario que lle correspondía segundo a súa posición solar. Oito décadas despois, aquela decisión de Franco, que se tomou de maneira provisional, continúa vixente, sobrevivindo a ditadura, transición e gobernos de PP e PSOE. .

“Que opinarían os alemáns se lles explicamos que no Estado español temos esta hora porque un ditador así o decidiu hai 80 anos para agradar a Hitler?”, preguntábase Lito Prado.

Normalidade

Lito Prado lembrounos que Galiza atópase en GMT-1 e a hora dos nosos reloxios é GMT+1 (2 horas máis do que é a nosa hora solar). Non é, afirmaba, un debate novo. “No movemento ecoloxista xa se falaba destas cousas a finais da década dos 80, era unha cuestión asumida”. Este activista di que é perfectamente posibel e viábel que Galiza estea no seu fuso horario acaído, malia que este non sexa o do resto do Estado español. “En Estados Unidos teñen 6 fusos horarios, en Australia hai varios....”. Insiste en que a razón para demandar isto para Galiza é por pura “lóxica” e que o que non é “lóxico” é manter un horario adoptada no franquismo, que non é razoábel.