Unha vivenda abandonada a medio construír por cada 50 galegas

Imaxe de @maltratopaisaxe

O PP vetou unha proposta que demandaba o remate destas obras pendentes e a posta en andamento de medidas para a súa posta a disposición ao parque de alugueiro da Xunta

Na Galiza hai por volta de 50.000 vivendas abandonadas a medio construír. Unha imaxe que non é rara ao longo do territorio e que salpica o país, desde paisaxes urbanas a rurais. Unha consecuencia para a deputada socialista María Pierres da “mala xestión urbanística que a Xunta aplicou” e que permite esa situación

 

A lei do solo do 2016, dixo, no seu artigo 135 fala de que o deber de edificar inclúe o deber dos propietarios de rematar as edificacións para cuxa execución obtiveron a preceptiva licenza. Esta norma, entende a parlamentar, “habilita a administración a forzar a terminación das obras mediante multas coercitivas pero que en ningún caso están a facerse efectivas”.

 

O PP vén de vetar una proposición non de Lei que reclamaba unha solución para as 50.000 vivendas inacabadas en toda Galiza. O Partido Popular mesmo se negou  a apoiar que se reclamase á Sareb (o coñecido como Banco Malo) a finalización das obras que ten paralizadas. A iniciativa, presentada polo PSdeG, demandaba o remate destas obras pendentes e a posta en marcha de medidas para a súa posta a disposición ao parque de alugueiro da Xunta, especialmente naqueles concellos onde hai demanda de alugueiro social.

 

Carlos Coto, arquitecto e membro da Asociación galega para a defensa do patrimonio cultural galego, sostén que o camiño a percorrer é o de apostar en rehabilitar o que hai e non en construír máis. “En Galiza non hai ningunha cidade nin vila que precise de súpeto novas vivendas. Estamos en regresión demográfica, non hai motivos para continuar a ampliar o parque de vivendas, consumindo territorio, destruíndo paisaxe”. Galiza ten que ter unha estratexia clara en materia de vivenda, ten que ter unha planificación clara a escala de toda Galiza e ter claro o que temos que facer”.

 

Vivendas baleiras

 

Na Galiza hai un total de 300.000 vivendas baleiras, segundo o último censo oficial, correspondente ao exercicio 2011. Unha cifra que representa 18,6% do total das existentes no noso país e que son 1.606.001. É a porcentaxe máis alta de todo o Estado español. Na última década aumentou a porcentaxe de vivendas baleiras en Galiza en case 9%. O 'boom' inmobiliario derivou en construcións a toda costa. Entre 2001 e 2011 na Galiza construíronse 297.118 vivendas, un aumento de 22,3 por cento.