Viveiro mobílizase contra o desmantelamento da Atención Primaria

Concentración diante do centro de saúde de Viveiro (Foto: Nós Diario).
Veciñanza e persoal sanitario súmanse a outras localidades da Mariña para exixir recursos suficientes para unha atención asistencial de calidade.

A cadea de protestas polo colapso dos centros de saúde e a sobrecarga dos profesionais da Atención Primaria esténdese por todo o territorio. Vigo, Seixo, Monfero, A Mariña suman varias semanas de descontento que trasladan ás rúas cada poucos días.
Este mediodía, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña convocou unha nova concentración diante do centro de saúde de Viveiro para amosar a súa desconformidade co abandono da Atención Primaria.

Cunha poboación censada de máis de quince mil habitantes, Viveiro multiplica por tres o número de residentes na localidade durante os meses de verán. Ao igual que outras moitas localidades costeiras, quedou sen reforzo no estío.

"A decisión do Sergas de non dotar os centros de saúde de persoal sanitario para persoas desprazadas, provoca unha enorme sobrecarga de traballo nas cotas dun cadro de persoal esquilmado pola falta de substitucións e esgotado despois de máis dun ano de pandemia".

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña segura que a mingua de persoal afecta a todas as categorías e quendas de traballo.

Cadros de persoal reducidos á metade

"Están diminuídas pola negativa do Sergas a substituír vacacións, baixas, permisos e a reforzar os cadros alí onde se precisa". Esta carencia coincide cun incremento da actividade, tanto polo aumento de demanda que xera a pandemia, como pola multiplicación da poboación e a necesidade de atender as axendas dos profesionais sanitarios ausentes, ademais das propias.

"Este centro de saúde leva moito tempo acumulando problemas graves de coberturas de profesionais, problemas que se agravaron de tal maneira que neste verán houbo bastantes días sen ningunha facultativa en quenda de tarde, das tres que están en carteira de servizos".

A quenda de mañá conta cun total de sete profesionais médicas, mais houbo tempadas nas que o centro abriu con menos da metade. As mesmas eivas danse na área de enfermaría, inciden desde a plataforma sanitaria. "O cadro de persoal non está a 100%, non conta cos reforzos suficientes, ao igual que ocorre co persoal administrativo".

Axendas de até 100 doentes

Segundo denuncian, estas e carencias "tan profundas" afectan directamente á calidade asistencial, "pois o feito de que unha facultativa chegue a atender nun día entre 90 e 100 pacientes, xa nos dá unha idea de como está a situación".

O colectivo en defensa da sanidade pública aclara que o labor das profesionais do centro de saúde de Viveiro durante estes meses pasa por atender as cotas de pacientes habituais mais as persoas desprazadas, e, a maiores as pacientes usuarias do servizo de hospitalización a domicilio.

"Só a mobilización e a presión social poden conseguir que o Goberno da Xunta recúe nas súas pretensións de desmantelar a xa maltreita Atención Primaria", defende a coordinadora da plataforma sanitaria, Montse Porteiro, ás portas do centro de saúde de Viveiro. "Este piar básico da atención sanitaria queda nunha situación de caos, que afecta negativativamente a toda a veciñanza".