“Viva el coronavirus” e “Vais a morir”: Mozos bébedos e sen máscara irrompen nun concerto no Grove

O Grove

Denúnciano desde Cultura do Grove, que tivo que chamar á Policía.

Unha actuación ao ar libre que estaba a ter lugar no Grove estivo a piques de ter que suspenderse pola irrupción de varios mozos, “algún deles madrileño, bébedos e sen máscara polo medio do público asistente.

Así o denuncia Cultura do Concello do Grove no seu facebook, indicando que tivo que chamar á Policía.

“Un grupo de mozos, algún deles madrileño, gritando "Viva el coronavirus" y "vais a morir todos" coas copas na man, sen máscara e por medio do público que si cumpría coas normas de distanciamento social e máscara”.

Neste post indícase que tras a marcha da Policía “eles quedaron alí provocando e gritando "vais a morir todos" e sacando as máscaras e tosendo riba de nós que estabamos. A piques estaba de subir ao palco para suspender cando deron volta e se foron, sen as máscaras postas e coas copas na man. Descoñecemos se lles tomaron os datos, pero sospeitamos que non, nin tampouco os multaron”.