Denuncian a presenza de mariñeiros con Covid no barco afundido

Vítimas do 'Vila de Pitanxo' alertaron da situación sanitaria a bordo

Concentración en Marín en apoio ás familia das vítimas do 'Vila de Pitanxo' (Foto: Álvaro Ballesteros).

As dúbidas pairan sobre as causas do naufraxio do pesqueiro Vila de Pintanxo. As declaracións prestadas por un dos superviventes da traxedia, Samuel Kwesi Koufie, introducen novas interrogantes a respecto da versión ofrecida pola armadora e polo patrón da embarcación, Eduardo Padín. As familias dos mariñeiros falecidos e desaparecidos piden chegar até o final nas pesquisas.

 

 

A investigación do afundimento do Vila de Pitanxo deu un xiro tras o testemuño de Samuel Kwesi Koufie, un dos tres superviventes do naufraxio, canda o patrón, Enrique Padín e o sobriño deste, Eduardo Rial Padín. Samuel Kwesi mudou diante das autoridades galegas a versión ofrecida no Canada. Segundo adiantaron en exclusiva o dixital madrileño El Debate e o xornal  La Voz de Galicia, as primeiras declaracións de Kwesi foron resultado das presións sobre o mariñeiro de nacionalidade ganesa por parte da casa armadora e do patrón da embarcación.

El Debate sinala que Kwesi, nunha declaración prestada o pasado 25 de febreiro, acusou o capitán "de grandes neglixencias no momento de naufraxio" e sostivo que os mariñeiros "pediron a berros" ao patrón un  arriado de cables que podería estabilizar o buque e evitar o naufraxio.

Asegura que Juan Enrique Padín "nin deu sinal de abandono do buque nin ordenou á tripulación que se colocase os traxes de supervivencia". De feito, só Enrique Padín e o seu sobriño, Eduardo Rial Padín, dispuñan de traxe de supervivencia no momento de ser rescatados, carecendo do mesmo o resto dos mariñeiros 

A versión ofrecida por El Debate da testemuña Kwesi relata que antes do naufraxio, os mariñeiros "empezan a pedir ao capitán o arriado dos cables, é dicir, que active o mecanismo de seguridade que permite soltar a rede de maneira inmediata. Deste modo, confían en que o buque poida recuperar a estabilidade. Empezan a temer pola súa vida, e esíxeno a berros, pero non se produce tal arriado. Esa orde non chega. Mentres, o barco vaise escorando cada vez máis debido a que a auga non para de entrar"

"Agradecemento a Samuel"

As familias dos falecidos e desaparecidos do Vila de Pitanxo destacan a Nós Diario  "o agradecemento a Samuel". A este respecto, danlle "total credibilidade ao seu testemuño" e recoñecen posuír "datos por outras fontes que certifican determinados aspectos da súa declaración".

Un deles refírese ás condicións meteorolóxicas no momento do naufraxio, "cun mar que non estaba en condicións para faenar", até o punto de que "os barcos máis próximos situados a 20 ou 30 millas do lugar do sinistro estaban nese momento sen traballar, malia atoparse nunha zona menos perigosa".

Kevin González, fillo dun dos desaparecidos, afirma a Nós Diario que na embarcación había varios mariñeiros doentes de coronavirus. Neste sentido, indica que ten coñecemento da existencia de varias persoas enfermas e apunta que varias das vítimas do Vila de Pitanxo remitiron aos seus familiares diversas mensaxes onde alertaban da situación sanitaria no pesqueiro.

Asemade lembra, que a "unha muller non se lle permitiu abrir o cadaleito para ver o seu marido por estar este contaxiado co coronavirus".