Para as vítimas do Alvia, a escolla de Ana Pastor como presidenta do Congreso é unha "ofensa"

Ana Pastor [Imaxe Ministerio de Fomento]

"É a oitava persoa con responsabilidades políticas na catástrofe que foi premiada", aseguran nun escrito publicado na súa web.

A Plataforma Vítimas Alvia 04155 tildou de "ofensa" e "mofa" a proposta e máis que probábel elección de Ana Pastor como nova presidenta do Congreso, "a terceira autoridade do Estado", afirman. 

A que foi ministra de Fomento desde 2011 e máxima responsábel en materia ferroviaria cando aconteceu o accidente de Angrois, é a proposta do Partido Popular para asumir este cargo na XII lexislatura. 

Con 81 falecidos e 144 feridos é unha auténtica mofa para as vítimas

Desde a asociación de vítimas aseguran que se trata da "oitava persoa con responsabilidades políticas na catástrofe que foi premiada". Con anterioridade, o ministro de Xustiza en funcións, Rafael Catalá, tamén pasou de secretario de Estado de Infraestruturas a contar cunha carteira no goberno e, de ser elixida Pastor, asumirá até se conformar novo executivo as competencias de Fomento

"Con 81 falecidos e 144 feridos é unha auténtica mofa para as vítimas, que vemos con dor e indignación como é nomeada para un cargo de tan alto nivel", sinalan. 

Desde a Plataforma lembran que a súa elección como presidenta do Congreso --que coincide no tempo co encontro entre Fomento e as vítimas-- ten lugar apenas unhas semanas despois de facerse público o informe elaborado pola Axencia de Seguridade Ferroviaria europea na que se censura a falta de independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF). "Un informe que certifica o inclumprimento da Directiva europea de Seguridade Ferroviaria por parte do seu ministerio" para alén de "varios autos" xudiciais que apuntan "a falta de colaboración coa xustiza por parte de Renfe e Adif", acrecentan.