As vítimas do Alvia apuntan as responsabilidades políticas do PP e do PSOE

No terceiro aniversario da traxedia, as vítimas protagonizaron unha concentración na Praza do Obradoiro. Denuncian que o sinistro aínda non foi correctamente investigado e responsabilizan diso quer o PP quer o PSOE. Piden a demisión da recén eleita presidenta do Congreso, Ana Pastor, respaldada por Feijóo.

As vítimas teñen moi claro por que nen PP nen PSOE están interesados en que se investiguen as causas do sinistro de Angrois alén do erro humano. Apuntan as responsabilidades do ex ministro do PSOE José Blanco -por ter autorizado a non instalación do sistema ERTMS que tería evitado a traxedia ao frear automaticamente o tren- e da ex ministra de Fomento do PP e flamante presidenta do Congreso, Ana Pastor, polas súas interferencias políticas nos traballos da comisión técnica de investigación do accidente, posta en cuestión pola UE.

Na concentración do Obradoiro estivo presente a vítima do sinistro Teresa Gómez-Limón, no momento da catástrofe deputada do PP na asemblea de Madrid, quen criticou con dureza Ana Pastor, a quen pediu que apresente a súa demisión.

A ex deputada do PP na asemblea de Madrid e vítima do sinistro pede a demisión de Ana Pastor

"A ministra mentiu en sede parlamentar porque dixo que a CIAF (Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios) era independente, alén doutras moitas mentiras. En calquera país da nosa contorna esta señora estaba na súa casa, tería demitido e por iso agora pedimos a súa demisión imediata", dixo.

A ex parlamentar pediu aínda que fose retirado da causa xudicial o informe da CIAF por o considerar "de parte" e non independente, tal e como foi cualificado pola UE. 

O presidente da Plataforma de Vítimas Alvia 04155 critica que algúns dos peritos da Xunta se limitasen a copiar o informe da CIAF cuestionado pola UE como non independente

Por súa parte, o presidente da Plataforma de Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, criticou o informe da CIAF por non "analisar as causas estruturais de raíz e que atinxen Adif, Renfe e Ineco" e cualificou de "auténtica vergoña" que algúns dos peritos da Xunta se limitasen a "plaxiar o contido do informe da CIAF".