Vítimas da traxedia de Angrois chaman "indigno" a Feijóo por "agocharse tras a veciñanza"

vitimas angrois

Afectad@s polo sinistro ferroviario critican con dureza que a Xunta conceda a súa Medalla de Ouro á poboación do barrio compostelán namentres veta que se constitúa unha comisión de investigación no Parlamento de Galiza e rexeita que se asuman responsabilidades políticas.

Familiares e vítimas do accidente de Angrois, agrupadas na plataforma Alvia 014155, cualifican de "indigno" que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "corra veloz a esconderse detrás dos veciños" do barrio santiagués no que se produciu o sinistro, que ocasionou a morte de 79 persoas e cuxo primeiro aniversario cúmprese o próximo 24 de xullo.

Nunha carta aberta dirixida ao xefe do Goberno galego, este colectivo afirma "non saír" do seu "estupor" polo feito de que o Executivo autonómico decida entregar a Medallas de Ouro da comunidade aos veciños do barrio compostelán "como homenaxe ás vítimas".

"Parécenos indigno que vostede, todo un presidente autonómico, corra veloz a esconderse tras da veciñanza de Angrois, coma se fose un rapaz que se agocha detrás das saias da súa nai, para poder protexerse das nosas críticas", reproba. "Nin os veciños de Angrois, nin os traballadores, nin as vítimas merecen ou merecemos iso", sentenza.

Para a Plataforma Alvia 014155, "se verdadeiramente tivese un mínimo interese e preocupación polas vítimas e as súas familias, o que faría sería axudar a saber a verdade e buscar a todos os responsábeis políticos da traxedia, aínda que sexan do seu partido".

Na súa carta aberta, a plataforma tamén lle pregunta a Feijóo se recorda "cantas veces" grupos con representación no Parlamento de Galiza -concretamente BNG e AGE- solicitáronlle a apertura dunha comisión de investigación ou se "xa perdeu a conta". Feijóo e o PP -con apoio do PSOE- sempre vetaron esa demanda. "Queremos saber a verdade", finalizan as vítimas