Análise

Vítimas da exclusión dixital

A Administración electrónica está pensada máis para reducir custos en persoal que para facilitar a vida das persoas. (Ilustración: Álex Rozados)
A xornalista Paula Castro analiza para 'Nós Diario' a fenda dixital.

O proceso de dixitalización de administracións, entidades bancarias e Sergas ten avanzado a un ritmo sen precedentes desde a pandemia. Unha situación que está provocando enormes dificultades de acceso a moitos servizos para unha parte importante da poboación, nomeadamente as e os maiores de 64 anos.

Os últimos datos publicados polo IGE a partir da Enquisa de Condicións de Vida das Familias son de 2018 mais podemos considerar que a situación neste grupo de idade non se tería modificado substancialmente.

A esa altura o 81,54% de galegos e galegas utilizaban o teléfono móbil, pero entre as e os maiores de 65 anos só o facía o 59,55%. Un 67,21% de maiores de 55 anos non usara nunca un ordenador; un 54,21% dos fogares que non tiña conexión a Internet era porque non a quería e outro 40,16% carecía dela por falta de coñecementos para usala. 

Xulia decide acudir á oficina da Seguridade Social en persoa, pero hai que pedir cita previa. Desde novembro até hoxe, a súa filla intenta, sen éxito, fixar unha data a través da web

Os datos do IGE constatan ademais que a máis baixa porcentaxe de uso de Internet dáse entre as persoas maiores e mesmo na franxa de idade comprendida entre os 55 e os 64 anos situábase no 67,54%. Xunto a isto, en 2018 só o 51,21% do total da poboación que realizou xestións ante as administracións ou organismos públicos o fixo a través da rede. 

Un caso real ilustra ben a situación. Xulia, nome ficticio, ten 66 anos. Nunca utilizou internet. Ten teléfono móbil intelixente que só usa para facer e recibir chamadas. A finais de 2022 considerou a idea de xubilarse. Para saber canto lle quedaría de pensión ten que acceder á sede electrónica da Seguridade Social, pero descoñece como ou, sequera, onde buscar. Vese, pois, obrigada a pedir axuda.

A súa filla accede con ela á web, pero recibe como resposta que non se lle pode proporcionar o cálculo da súa pensión polas complicacións que a súa vida laboral acumula: anos traballados na Suíza, contratos a tempo completo nun período, contratos a tempo parcial noutro, ou varios contratos simultáneos con diferentes empresas noutro máis.

Vista a situación e por medo a non saber explicarse correctamente cunha cita telefónica, Xulia decide acudir á oficina da Seguridade Social en persoa, pero hai que pedir cita previa.

Desde o mes de novembro até hoxe, a súa filla intenta, sen éxito, fixar unha data a través da web para ser atendida na oficina de Santiago, que dá sempre a resposta de que non hai dispoñibilidade. Ao tempo, intenta conseguir esa cita vía telefónica, pero máis alá dunha voz metálica gravada, que repite unha e outra vez que todo o persoal está ocupado, non chega a contactar con ningún ser humano.

Transcorridos case tres meses, a súa filla acaba conseguindo a cita, pero na oficina de Negreira, á que terá que ir en coche. Xulia non conduce, así que terán que levala a outro concello para resolver o trámite.

Un proceso de privatización, pola porta de atrás, da administración pública, na vía de camiñar cara o seu "adelgazamento"

Centos de Xulias atópanse na mesma situación. A imposición da Administración electrónica, pensada máis para reducir custos en materia de persoal que, como se ve, para facilitar a vida das persoas, non tivo en conta nin os medios materiais nin os coñecementos dunha moi importante parte da poboación, que quedou excluída do proceso de dixitalización sen contemplacións.

Hai trámites que xa se teñen que facer obrigatoriamente por esta vía, o que deixa nunha situación de indefensión a quen careza das destrezas necesarias ou non teña outra persoa á que recorrer para que lle bote unha man. Isto obriga, en non poucos casos, a pagar a unha Xestoría por facelo, cando antes axudaba persoal funcionario. Un proceso de privatización, pola porta de atrás, da administración pública, na vía de camiñar cara o seu "adelgazamento". De feito, segundo datos do IGE, en xaneiro de 2009 o persoal da administración autonómica, administración local e administración pública estatal en Galiza superaba as 151.000 persoas. En xaneiro de 2022 sumaba apenas 145.000.

A situación repítese nas entidades financeiras. A chamada dixitalización serviu de pretexto para poñer en marcha un proceso de reestruturación do sector que provocou milleiros de despedimentos e unha concentración sen precedentes, pasando de 88 entidades a tan só 10. Reducíronse horarios de atención presencial para certas operacións, comezaron a cobrarse comisións abusivas por realizar trámites presenciais e pecháronse oficinas, sobre todo no rural, abríndose así novas fendas e ampliándose as existentes. Un proceso que ten, en realidade, o lucro como único obxectivo e que deixou a milleiros de galegas e galegos de todas as idades sen atención. 

A redución da atención presencial vén tamén ondeando sobre a sanidade pública desde hai tempo. O paradoxo do primeiro terzo do século XXI vai ser, ao final, ver como as persoas nos vemos obrigadas a mobilizarnos para reclamar o noso dereito a ser atendidas por persoas.