Vítimas de Angrois súmanse á concentración das afectadas de Adamuz ante o Congreso
A Asociación Vítimas Descarrilamento Adamuz chamou á cidadanía a mobilizarse esta cuarta feira en Madrid nun acto en lembranza das vítimas e para exixir transparencia, xustiza e melloras na seguridade ferroviaria.
A Asociación Vítimas Descarrilamento Adamuz convocou para este mércores unha concentración ás portas do Congreso dos Deputados, en Madrid, á que tamén se sumarán vítimas doutros graves sinistros ferroviarios, como o de Angrois (Santiago) en xullo de 2013 e o de Bejís (Castellón).
Segundo indicou a entidade nun comunicado, trátase da segunda convocatoria dirixida á cidadanía tras a manifestación celebrada en Huelva o pasado 20 de marzo. A concentración terá lugar o 15 de abril ás 9 horas diante do Congreso. Durante o acto, procederase á lectura dun manifesto ás portas do hemiciclo. A asociación explicou que previamente xa remitiu unha carta á Mesa do Congreso solicitando que o texto poida ser lido tamén na sede parlamentaria.
A mobilización ten como obxectivo continuar rendendo homenaxe e “manter viva a memoria das vítimas” do descarrilamento ocorrido en Adamuz o pasado 18 de xaneiro, que deixou 46 persoas falecidas e centos de feridos. Así mesmo, busca expresar a “firme exixencia de coñecer toda a verdade do sucedido e garantir unha atención eficaz e digna ás vítimas”. “As familias e persoas afectadas seguimos reclamando, tras meses de incerteza, transparencia, responsabilidades e garantías de que un accidente destas características non se volva repetir”, sinalaron desde a asociación.
Neste sentido, a entidade subliñou que a concentración será un acto “pacífico e aberto á cidadanía, asociacións e colectivos que desexen sumarse a esta causa”, que consideran que non é só súa, senón do conxunto da sociedade. “A seguridade ferroviaria é unha cuestión que afecta directamente a milleiros de persoas que utilizan o tren cada día”, destacaron. Así, nesta ocasión participarán tamén vítimas e familiares doutros accidentes ferroviarios, como os de Angrois e Bejís.